Programas

ProgramasProgramas 

Campos de ensaio de demostración

Selección Principal de clons das variedades Sousón e Brancellao

Ao longo da historia da viticultura galega tiveron gran repercusión determinadas castes tintas que hoxe en día preténdense recuperar. Entre elas é importante salientar os traballos cos cultivares Sousón e Brancellao. Ambas as dúas están sendo requiridas para novas plantacións ou para a reestruturación en plantacións vellas.

Consecuencia deste interese, e coa finalidade de dar resposta á carencia de material vexetal con garantías sanitarias e de calidade, iniciouse no ano 2005 a súa selección clonal.

Ao longo dos anos 2005 ao 2007 realizáronse traballos de prospección e estudios de comportamento agronómico “in situ” de distintos exemplares localizados en zonas dispersas da xeografía galega. Estes estudios permitiron a preselección de 21 ecotipos de Brancellao e 8 de Sousón que se plantaron na finca experimental da EVEGA.

Os ecotipos establecéronse en espaldeira cun marco de plantación de 2.25m x 1.20m e un deseño experimental de 4 repeticións por ecotipo, con 7 plantas cada unha. Enxertáronse sobre dous portaenxertos 196-17C e 101-14M.

Obxectivos

  1. Valorar a adecuada selección dos clons de Brancellao e Sousón establecidos no portaenxertos 196-17C
  2. Coñecer o comportamento agronómico dos ecotipos establecidos na finca experimental da EVEGA, en relación ao portaenxertos 101-14M en relación a: fenoloxía, brotación, produción, fertilidade, vigor, resistencia a enfermidades, evolución da maduración.
  3. Coñecer o comportamento enolóxico de ditos clons, en relación a: parámetros clásicos: grado alcohólico, acidez, contido en ácido málico e tartárico, extracto seco, e parámetros analíticos relacionados coa cor.

Xeometría de Plantación e condución en castes autóctonas galegas

A obtención dunha uva de calidade vén determinada por múltiples factores, algúns pódense modificar ao longo do desenvolvemento vexetativo da vide, pero hai outros que son difíciles de modificar e que polo tanto é necesario determinar ao inicio da plantación. Trátase de determinar a xeometría e o sistema de condución da planta, intentando establecer un equilibrio axeitado entre estes parámetros e as condicións medio ambientais onde se desenvolve a planta.

A xeometría determina os nutrientes que se atopan a disposición de cada planta, pola competencia que se pode establecer entre as raíces; a intercepción dunha determinada radiación pola follaxe, que incide no nivel fotosintético permitindo unha axeitada produción de azucres, repercutindo polo tanto na calidade da uva; pero tamén a disposición da follaxe incidirá nunha mellor sanidade da viña.

Aínda que temos coñecementos importantes do comportamento das variedades autóctonas, a día de hoxe hai moi pouco escrito sobre a xeometría malia que a elección do marco de plantación é unha decisión importante a tomar no plantexamento da instalación dun viñedo.

Así mesmo tamén é necesario coñecer o comportamento das mesmas en distintos portaenxertos, xa que estes son tamén determinantes do vigor da planta.

Ademais na viticultura galega existen zonas onde o cultivo da vide se desenvolve en emparrados, que presentan beneficios, pero un dos seus principais problemas é a sanidade e a obtención dunha boa maduración. Por esta razón é necesario investigar sobre sistemas que permitan unha maior aireación dos acios e unha mellor distribución da vexetación. Para encontrar solución a este problema téntase valorar outros sistemas de condución diferentes ao emparrado mediante formacións en paredes múltiples.

No ano 2010, iniciáronse na EVEGA unha serie de campos experimentais que teñen por obxectivo principal o coñecemento do comportamento de castes galegas en distintos marcos de plantación, portaenxertos e sistemas de condución (protocolo 10/14, 10/13) mediante o establecemento de 4 castes (Albariño, Treixadura, Mencía e Sousón) en catro marcos de plantación con dúas alturas sobre o chan, e enxertadas en dous portaenxertos. Por outra banda iniciouse o estudo do cultivar albariño noutros sistemas de condución e formación da planta alternativos ao emparrado, as formación sen Scott Henri e Lys.

Obxectivos

1.- Avaliar o comportamento das 4 castes máis representativas da viticultura galega, Treixadura, Albariño, Mencía e Sousón en relación a:

  • Plantacións con marcos tradicionais fronte a outras mais adaptadas ao paso do tractor convencional.
  • Plantacións nas que se varía a altura do tronco.
  • Plantacións enxertadas nun portaenxertos vigoroso fronte a outro menos vigoroso

2.- Estudar a variación da incidencia do meso e micro clima no comportamento agronómico e enolóxico de catro castes de videira, combinando varias disposicións xeométricas con dous portaenxertos de distinto vigor.

3.- Comparar os comportamentos de espaldeiras de Albariño en deseños de parede simple e múltiple, tanto en produtividade como en calidade da uva.

Efecto da rega no comportamento agronómico de variedades galegas de vide

O cambio climático, reflectido nun incremento das temperaturas máximas e nun cambio na distribución das precipitacións, podería ocasionar problemas de acusado estrés hídrico durante determinadas épocas do ano nas que se combinan elevadas temperaturas e períodos de seca máis ou menos prolongados. Estes períodos de estrés poden repercutir negativamente na produción e na calidade final da uva e, polo tanto, no viño final obtido. Debido a isto, deberán reforzarse as investigacións en aspectos claves da viticultura como é a rega. Aparte disto, apenas existe información sobre como afecta o emprego da rega á resposta agronómica de variedades galegas de viña.

Dende a derrogación da prohibición de regar nos viñedos dedicados a viños de mesa no ano 1996 (Lei 8/1996), esta práctica está regulada polo Regulamento CE 1493/1999. Ante a discusión aberta sobre os criterios de rega a adoptar na viña, na actualidade preténdese determinar cales son as necesidades hídricas dos viñedos como punto de partida para unha rega de calidade.

Está demostrado que a rega ten efectos diferentes segundo a variedade estudada e a zona de estudio. En xeral, a rega proporciona un incremento da colleita pero, por outra banda, un estrés hídrico moderado resulta axeitado para mellorar a composición da uva, e polo tanto do viño final. Un equilibrio entre produción e calidade que se manteña no tempo é o obxectivo principal da rega nas viñas.

Neste senso, a EVEGA vén desenvolvendo dende 2011 un estudo sobre as necesidades hídricas de diferentes variedades galegas de vide: o Godello, o Albariño, a Treixadura, o Sousón e o Brancellao.

Obxectivos

O obxectivo principal deste campo de ensaio é determinar o efecto dunha rega baseada en criterios climáticos no comportamento agronómico de cinco variedades galegas de vide.

Comportamento de catro clons de Albariño sobre catro portaenxertos

Regularmente nas plantacións de Albariño que se fan na provincia de Pontevedra, tanto en espaldeira como en parra, o portaenxertos máis utilizado é o 196-17 de Castel. E ben coñecido que a elección do portaenxertos debe facerse en función da tipoloxía do terreo e variedade, sendo fundamental acertar na súa elección.

Este portaenxertos ten como condicionante que é vigoroso, e en moitos casos pode facer que o aumento de produción de uva sexa negativo na calidade final da uva Albariño

Nos anos 2006-2007, na finca da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia iniciouse unha experiencia relativa ao estudio do comportamento da variedade Albariño sobre catro portaenxertos diferentes (101-14 de Millardet, SO4, 3.309 de Couderc e 196-17 de Castel).

Obxectivos

  • Estudar o comportamento de catro clons seleccionados de Albariño fronte a catro portaenxertos de diferente vigor.
  • Ver o comportamento utilizando o sistema de condución en espaldeira.
  • Avaliar os datos agronómicos e enolóxicos de cada clon en función da tipoloxía de portaenxertos.
  • Realizar microvinificacións de cada clon/portaenxertos avaliando analiticamente e sensorialmente os viños obtidos.

Selección clonal de Caíño Tinto e Espadeiro

Durante os últimos anos o gran desenvolvemento da viticultura na provincia de Pontevedra foi case exclusivamente con variedades brancas, sobre todo Albariño.

Non obstante existen variedades tintas autóctonas que gozan de gran estima entre viticultores e consumidores, se ben o seu cultivo é moi reducido. Entre estas, destacan o Caíño tinto e o Espadeiro. A deficiente calidade que adoitan presentar estes viños, pode ser deberse a que as características da uva de partida non reúne unhas condicións de calidade mínima, que permitan mediante unha correcta elaboración, a obtención duns viños con calidade.

Coa finalidade de paliar esta situación, a Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía en Ribadumia acomete dende o ano 2003, a selección clonal das variedades Caiño tinto e Espadeiro.

Obxectivos

Establecer se as variedades de Caíño tinto e Espadeiro son susceptibles de proporcionar viños cunha calidade suficiente para a súa comercialización e, en caso afirmativo, que os viticultores poidan dispoñer para as súas plantacións da mellor planta posible en canto a produtividade, calidade e sanidade.

Conservación de recursos xenéticos na agricultura

Recompilación, conservación e caracterización de recursos fitoxenéticos de vides en Galicia

Como consecuencia da penetración da filoxera e doutras enfermidades que afectaron ás plantacións de viñedo no século XIX, as variedades tradicionais de cultivo nesas datas (principalmente autóctonas) foron desprazadas por outras de orixes variadas. Isto trouxo canda si unha gran perda de diversidade xenética, restrinxindo o cultivo a un escaso número de castes, primando a plantación de castes foráneas de elevada produción fronte as autóctonas de menor.

Para evitar a perda desta diversidade, ao longo do século pasado fóronse creando bancos, a maioría xestionados por entidades públicas, que recompilaron exemplares de castes que se deixaron de cultivar en épocas pretéritas. A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), consciente da erosión xenética a que estaba sometido o viñedo galego, centrouse a partir dos anos 80 do século pasado na constitución dun Banco de Xermoplasma de variedades galegas de cultivo minoritario ou en perigo de extinción intentando abarcar a posible diversidade xenética dentro de cada variedade de vide. A recollida de variedades locais en perigo de extinción e a súa conservación en neste banco está xustificada por varias razóns:

  • Preservación dun material xenético diverso que mostra adaptación a diferentes condicións medio ambientais, contando con castes de moi bo grao de maduración, que poden responder fronte a o cambio climático.
  • A calidade do viño está ligada a múltiples factores, entre eles a variedade de uva con que está elaborado, que proporciona características organolépticas variadas en función da caste utilizada.
  • O banco permite a conservación e estudo de castes minoritarias que, unha vez coñecidas as súas características agronómicas e enolóxicas, poderán introducirse nas novas plantacións permitindo obter viños cunha alta tipicidade.
  • O Banco de Xermoplama da EVEGA non só ofrece diversidade varietal se non tamén clonal, que repercute na mellora da calidade do material vexetal comercializado, na mellora das plantación e en xeral na produción vitícola.

O Banco está constituído por varias fincas distribuídas entre os dous centros que forman parte da EVEGA (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia –Leiro-Ourense e a Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia -Pontevedra)

As actuacións previstas son:

  • Caracterización e conservación das variedades e clons do Banco de Xermoplasma.
  • Estudo de idoneidade de portaenxertos, sistemas de condución e poda para as castes galegas conservadas (EVEGA e EEVE).
  • Recuperación de xenotipos.

Intercambio de información entre organizacións competentes dos estados membros

Acométese nesta acción a difusión dos resultados obtidos nos estudos realizados en recursos fitoxenéticos de vide.

  • Participación en reunións, foros, congresos etc., a nivel comunitario, nacional e internacional
  • Difusión a través de páxina web de todos os resultados e accións que se vaian desenvolvendo no marco dos recursos fitoxenéticos.

A difusión ao sector dos coñecementos adquiridos suporá un valor engadido das diferentes actuacións.