mapa portal accesibilidade contacto
EvegaEvega
Xunta de Galicia

Investigación

Documentación, caracterización e racionalización do xermoplasma de vide prospectado e conservado en España. Creación dunha colección nuclear. 2012-2015. Proxecto coordinado. RF2012-00027-C05-05
O coñecemento da diversidade xenética existente é unha prioridade para abordarmos a súa conservación e estudio. Hoxe en día en España varios equipos traballan na prospección, identificación e conservación de variedades de vide en todas as comunidades autónomas. Moitas das variedades estudadas coinciden ou son sinonimias de variedades xa coñecidas, pero outras son totalmente distintas e posiblemente trátese de material autóctono moi antigo a piques de desaparecer. Por esta razón é necesario documentar todo o material recollido e conservado en coleccións para coñecer a súa existencia e evitar tanto a desaparición coma unha duplicación excesiva. Os obxectivos propostos neste proxecto pasan pola harmonización da documentación de todas as coleccións de vide segundo o inventario da FAO; a identificación dos xenotipos das mesmas mediante una metodoloxía común; racionalizar o sistema de conservación de variedades de vide e, finalmente, crear unha colección nuclear desta especie en España.

Diversidade xenética de cultivares de vide, selección de xenotipos mellorantes e incidencia de marcadores químicos na selección e caracterización. 2008-2011. Proxecto coordinado. RTA2008-00054-C02-01.
A utilización dun contado número de variedades para evitar a produción de viño trae canda si unha perda de diversidade xenética. Para evitala, e a un tempo mellorar a produción de uva na nosa terra, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia conta con bancos de clons dalgunhas das variedades que as Denominacións de Orixe consideran coma preferentes ou autorizadas para a elaboración de viño, e cunha colección na que está representado o complexo varietal galego. Nun primeiro estudo de caracterización detectouse a presenza de 4 cultivares de uva branca e 5 de uva tinta non citados ata hoxe para a zona.
Coa finalidade de evitarmos a perda de diversidade xenética e mellorar a produción vitícola galega garantindo a identidade, calidade e estado sanitario do material vexetal utilizado na plantación de viñedos, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia formula: 1. Determinar a potencialidade agronómica e enolóxica de 4 cultivares de uva tinta e 5 de uva branca, citados coma novos para Galicia. 2. Contribuír á preservación da variabilidade xenética constituíndo un banco de clons das variedades tintas: Merenzao, Ferrón e Caíño Bravo. 3. Profundar e valorar o uso de marcadores químicos (compostos aromáticos e contido en antocianos) na identificación varietal e na selección clonal de cultivares galegos.

Caracterización do Banco de Xermoplasma da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. 2006-2009. Proxecto coordinado. RF2006-00008-C02-01.
A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia posúe un Banco de Xermoplasma de vide, creado coa finalidade de preservar a diversidade xenética do viñedo galego, e constituído, maioritariamente, por variedades autóctonas, algunhas tan antigas que posiblemente hoxe en día esta sexa a súa única localización. O obxectivo principal do proxecto é identificar de maneira fiable as accesións rexistradas no Banco mediante o emprego de técnicas integradas de caracterización ampelográfica, ampelométrica e molecular.

Selección Clonal de Variedades Tintas Autóctonas de Galicia. 2005-2008. PGIDIT05RAG50501PR
Na nosa terra existen variedades tintas capaces de producir viños de gran calidade e neste senso as microvinificacións realizadas na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia confirmaron as expectativas xeradas. Namentres que a planta enxerto que ofrecen os viveiros procede de pugas recollidas en viñedos diversos e sen ningún tipo de selección, a EVEGA, coma único Viveiro Seleccionador Oficial da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolveu ata hoxe a selección clonal de 5 variedades brancas e unha tinta. Con este proxecto preténdese iniciar a selección de variedades tintas autóctonas galegas traballando durante estes tres años na preselección de dúas: Sousón e Brancellao.

Caracterización dalgunhas variedades minoritarias de vide en Galicia polo seu potencial agronómico e enolóxico. 2005-2008. Proxecto coordinado. RTA2005-00235-C02-01.
Na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia traballamos para completar a información relativa ao potencial agronómico e enolóxico dalgunhas variedades minoritarias coma o Brancellao, o Merenzao e o Sousón; o obxectivo é sintetizar esa información denantes de poñela ao dispor do sector. A selección do material vexetal utilizado para o establecemento das coleccións de variedades, realizadas hai tempo co obxectivo de conservar as minoritarias, fíxose fundamentalmente con criterios produtivistas que gardan pouca relación coas novas tendencias cara unha viticultura máis orientada a cultivos de calidade. Nun escenario de crecente introdución dos nosos viños nos mercados internacionais, podería ter chegado o momento de reforzar a oferta e mellorar a imaxe dos nosos produtos cunha forte aposta pola orixinalidade baseada no aproveitamento das viníferas autóctonas galegas.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter
Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio AmbienteFEADER