mapa portal accesibilidade contacto
EvegaEvega
Xunta de Galicia

Presentación

Juan Manuel Casares Gándara - Director

Juan Manuel Casares Gándara – Director

“Ningún grupo pode actuar con eficacia se falla o concerto; ningún grupo pode actuar en concerto se falla a confianza; ningún grupo pode actuar con confianza se non está ligado por opinións comúns, afectos comúns, intereses comúns.”

Edmund Burke

“Hai que salientar que o EVEGA aparece entre os primeiros postos rexionais en canto a número de publicacións científicas realizadas por organismos públicos de investigación en Galicia.”

RIS3 Galicia (Axencia Galega de Innovación)

 
 

Hai dous anos e medio tiñamos un rumbo claro. Tiñamos ideas, esperanzas e obxectivos concretos que confluían nunha idea central: entendiamos que a EVEGA tiña que ser unha referencia no sector vitivinícola galego. Rumbo, ideas, esperanzas e obxectivos, postos negro sobre branco nun documento elaborado para un cuadrienio, o Plan Estratéxico da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, presentado á Conselleira do Medio Rural e do Mar no mes de abril de 2014, e que hoxe, vinte e catro meses despois, atópase a un nivel do 80% na súa execución.

O eixe central de dito plan substanciabase na necesidade de que o noso centro debía converterse nunha referencia no sector do viño en Galicia, tería que colocarse no centro do sector.

Daquelas, coma hoxe, entendiamos que a EVEGA era unha cuestión de país, unha cuestión dos galegos e ao servizo dos galegos. E sabiamos que nos atopábamos perfectamente preparados para dar solucións reais aos problemas e necesidades do sector en Galicia. Por iso, as nosas portas estiveron, e están sempre, abertas a calquera viticultor ou adegueiro que o precise.

Despois do camiño percorrido, curto pero moi intenso, non só mantemos as mesmas ideas, as esperanzas e obxectivos, senón que agora lle engadimos algo máis tanxible: a seguridade de que somos quen de facer o que nos propoñamos, porque nunca deixamos de crer en nós.

Vimos de presentar o noso informe de xestión de dous anos e medio; pensamos que as accións desenvolvidas nos definen e os números nos avalían; será a historia a que ditamine.

Director EVEGA

En todo caso hoxe, máis que nunca, principia o futuro. Toca falar de novos proxectos da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, un centro público de investigación e servizos ao sector vitivinícola galego con trinta anos de vida, a segunda máis moza das Estacións Enolóxicas de España pero tamén, posiblemente, a máis completa en competencias e atribucións.

Apoiados nun equipo profesional, cunha alta cualificación técnica, longa experiencia no sector e un grao implicación absoluta con este proxecto, e dende a certeza de sabermos servidores públicos, nos propoñemos camiñar polo historia da vitivinicultura galega con paso firme, referencias éticas e sentido da responsabilidade.

Seguiremos a potenciar a actividade investigadora e a transferencia dos coñecementos adquiridos ao sector. Estableceremos sinerxías sólidas con outros grupos galegos e portugueses por iso pretendemos liderar actividades de formación e transferencia na Eurorregión Galicia-Norte de Portugal, espazo natural de confluencia histórica dos galegos cos nosos irmáns portugueses.

Continuaremos coa estratexia de contactos e colaboración cos axentes do sector: a única forma que coñecemos de dar solucións reais aos problemas actuais da viticultura galega.

Potenciaremos e descentralizaremos, aínda máis, as actividades formativas que organicemos: xornadas, talleres prácticos, relatorios e cursos de formación, de xeito que todo profesional do sector poida acceder á mesma sen grandes esforzos económicos e de tempo.

É a nosa intención ampliar o alcance da acreditación do noso laboratorio co obxectivo de ser cada día máis competitivos, sobre todo coa ollada posta nos procesos crecentes de internacionalización das empresas galegas. A este respecto manteremos os programas interlaboratorios que nos permiten manter a punto as nosas técnicas e ofrecer un nivel e unha calidade óptima no servizo que prestamos. A EVEGA quere aumentar aínda máis a súa eficiencia e competitividade, ofrecendo un nivel e unha calidade óptima no servizo que presta seguindo a política da mellora continua.

Seguiremos a mellorar día a día a nosa páxina web da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, esa fiestra de Leiro aberta a Galicia e o mundo, xa que entendemos que é unha ferramenta que nos achega máis ao sector. Aos servizos que xa posúe engadiremos outros como a publicación periódica de monográficos producidos pola propia EVEGA coma o que vimos de presentar dedicado á variedade Godello.

En definitiva, seguiremos traballando para ser, cada día máis, unha referencia para o sector do viño galego; para ser ese centro público de investigacións e servizos que a vitivinicultura precisa; para, en suma, sermos nós mesmos.

sinatura

 

 

 

 

 

Juan Manuel Casares Gándara
Director

 

Vídeo de presentación da Evega

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter
Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio AmbienteFEADER