mapa portal accesibilidade contacto
EvegaEvega
Xunta de Galicia

Recomendacións técnicas de EVEGA para actuar despois da xeada

29/04/2017

Estado de situación

A xeada incidiu de forma variable en función da localización das viñas afectando fundamentalmente ás  situadas nos fondos dos vales. Hai que ter en conta que, segundo a  orografía, a afectación pode oscilar entre o 0% e o 100% en función das parcelas ou incluso dentro da mesma finca.

Producíronse danos de modo variable segundo as zonas no viñedo das zonas de interior e norte de Galicia. Segundo os ditos danos producidos nos brotes danse os seguintes niveis e circunstancias por parcela e cepa:

  1. Grao do danos:
  • Dano severo: afecta totalmente ao brote e acios ata a base.
  • Dano parcial: afecta ás partes do gromo máis turxentes causando a morte nas puntas deste máis aos acios da zona, podendo salvarse en ocasións  algúns dos acios situados máis cara á base dos pámpanos.
  1. A nivel de parcela observase, nalgunhas, que as zonas máis altas ou a máis protexidas por vexetación arbórea nos lindes se libren dos danos.
  1. A nivel de cepa ocorre tamén que nos sistemas de condución en empalizada e nalgunhas parcelas, segundo a altura na que estean os gromos, os máis distanciados do solo estean menos afectados polos danos

 

Recomendacións

Dende a Evega entendemos que cómpre establecer unha serie de recomendacións técnicas que sirvan a modo de guía de actuación para o viticultor que tivera superficie afectada.

Así, segundo os criterios dos técnicos da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro – Ourense) e máis da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía (Ribadumia – Pontevedra) o dano observado na planta afectou aos pámpanos, órgano máis sensible da planta, que se chamuscaron, ennegreceron e desecaron polo día. Efecto que tamén se observou nas inflorescencias (acios), xa que algunhas salváronse e outras murcharon e secaron despois. Agora ben, segundo o estado de crecemento dos órganos afectados e a intensidade dos danos, a planta pode reaccionar de forma diferente.

Cómpre fixarse en cada cepa no grao de afectación desde as puntas ata a base dos seus pámpanos.

Nas parcelas afectadas, o primeiro que compre facer e agardar uns días a que se estabilice o tempo e de paso ir observando como reaccionan as videiras.

1.- Cando a afectación do pámpano é parcial, e fundamental facer facer a diferenciación entre:

1.1.- Puntas chamuscadas, pero con moi poucos ou ningún acio afectados.

É fundamental distinguir entre os acios afectados e non afectados. Hai que fixarse en que os acios teñan o seu verde natural, que non estean cos tons morenos ou arrubiados, porque aínda que pareza pouco, despois na purga (floración) o fracaso vai ser grande.

Cando hai pouca afectación de acios, non se poda de momento. Unha vez que se aprecia a agromada das netas escollerase a mellor delas para substituír as puntas queimadas e elimínanse as outras netas para evitar o efecto “basoira” que complicaría o posterior manexo vexetativo.

1.2.- Maioría de acios afectados, pero coa base do pámpano verde e por tanto coa posible emisión de netas.

Nesta situación hai que repodar. A repoda persegue tres obxectivos fundamentais:

  • evitar que se forme o desenvolvemento das netas que poden complicar o posterior manexo
  • refacer o esquema de poda feito no inverno.
  • inducir a agromada dos conos secundarios das xemas. O cono principal foi o que agromou. Algúns secundarios poden levar tamén rudimentos de acios que darán lugar a unha recuperación parcial da colleita. O mesmo pode pasar se agroman algunhas xemas durmidas da coroa.

A repoda debe facerse coas tesoiras ou navallas ben afiadas, para que fiquen uns cortes limpos, case a rentes da base, para eliminar a posibilidade de que as netas superiores agromen, pero non tan a ras que se eliminen os conos secundarios tamén.

O viticultor que teña pouca práctica pode podar un pouco máis separado da base e uns días despois eliminar as netas agromadas.

Deberán utilizarse produtos cicatrizantes primeiro e despois estimulantes e fertilizantes.

2.- Se os gromos están totalmente afectados, sen hipótese de que as netas dos nos da súa base agromen, en teoría non sería preciso podar, porque nada se adianta con cortar algo que está morto. Sen embargo, nas viñas que xa tiñan a vexetación bastante desenvolvida, hai moitos viticultores que, con bo criterio, podan para tirar a podremia de diante. Ademais, os pámpanos caídos poderían estorbar a agromada dalgún cono secundario.

No caso destes viticultores que fagan esa poda, deberán utilizarse produtos cicatrizantes primeiro e despois estimulantes e fertilizantes.

Autores:

Francisco J. Rego Martínez (Ex-Xefe de Sección de Viticultura de Evega)

Emilia Díaz Losada (Tecnóloga de Viticultura de Evega)

Juan Carlos Vézquez Abal (Colaborador de Evega en Ribadumia)

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter
Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio AmbienteFEADER