mapa portal accesibilidade contacto
EvegaEvega
Xunta de Galicia

UN TOTAL DE 360 PERSOAS ASISTIRON ÁS ACTIVIDADES DA I SEMANA VITIVINÍCOLA DE GALICIA

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) organizou a primeira Semana Vitivinícola de Galicia entre os días 5 e 8 de xuño na cidade de Ourense. O evento combinou actividades técnicas con outras de carácter divulgativo e, polo tanto, de interese para todo o público.

Na inauguración, o día 5 de xuño, Evega presentou o seu novo lema (Evega 2020, un compromiso co noso rural) así como ás páxinas en Facebook (Estacion Evega) e Youtube (Canle Evega). O alcalde da cidade de as Burgas, Xesús Vazquez, deu a benvida a todos os participantes nas xornadas e convidounos a visitar a cidade, capital termal de Galicia. O director de Evega, Juan Casares, salientou o compromiso do centro coa viticultura como piar fundamental da economía rural galega e fixo un repaso dos motivos que fan desta entidade a gran referencia vitivinícola galega. Belén do Campo, directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, relatou os resultados da xestión de Evega no período 2013/2016. En derradeiro lugar Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, lembrou a colaboración que durante estes anos a institución que preside vén mantendo coas catro denominacións de orixe ourensás.

A xornada de apertura celebrouse no Centro Cultural Marcos Valcarcel co I Encontro de Viticultura Galicia-Norte de Portugal no que 42 investigadores de ambos territorios intercambiaron coñecementos técnicos e marcaron as pautas de colaboración futuras. O congreso serviu de guieiro nas actuacións conxuntas cara a seguir modernizando a nosa vitivinicultura e para perfilar as liñas mestras que se prevén levar a cabo nos proxectos dos próximos anos, tal e coma se recolle nas conclusións oficiais do mesmo.

O mércores 7 de xuño houbo unha mesa-faladoiro sobre o viño e a cultura galega na que se afondou en aspectos menos coñecidos sobre a vinculación deste sector coa historia da comunidade, tanto dende o punto de vista histórico-arqueolóxico, cunha charla de Luis Paadín sobre os lagares rupestres, o gastronómico a cargo de Miguel Mosquera, coma o literario da man de Afonso Vázquez Monxardín.

A xornada principal foi o xoves día 8 onde se concentraron tres actividades. Un taller de cata no Liceo de Ourense formou expertos en análise sensorial a través de novos procesos na mecánica de percepcións dos viños. O obxectivo era adestrar aos catadores para que coñeceran as substancias que encontrarán nos viños e percibir esas sensacións en doses cada vez máis pequenas.
Unha actividade sobre novas tendencias de marketing e innovacións tecnolóxicas celebrouse en La Molinera e participaron a técnica de Vitis Europa do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL), María Carmen Saborido, a secretaria ténica da Plataforma Tecnolóxica do Viño, Trinidad Márquez, e o director de Estudios de WineIntelligence para Iberoamérica, John Richard David Park quen debullou as claves sobre as tendencias no mercado mundial.

En derradeiro lugar houbo unha mesa faladoiro sobre a viticultura heroica, aquela que se desenvolve na alta montaña e pendente. A presidenta do CRDO Cangas de Narcea, en Asturias, Beatriz Pérez, falou da viticultura heroica na súa zona. O mesmo fixo sobre a viticultura nas illas Canarias a enóloga da adega Viñátigo (Santa Cruz de Tenerife), Elena Batista, e por parte de Galicia falou Ruth Rodríguez, técnica do CRDO Ribeira Sacra. A xornada, no centro cultural Marcos Valcárcel, rematou cunha cata comentada de viños heroicos.

Ademais da Consellería do Medio Rural, no evento colaboraron a Deputación Provincial de Ourense, o Concello, o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) e a Fundación Juana de Vega. Así mesmo prestaron colaboracións a Plataforma Tecnolóxica do Viño, o proxecto europeo Vitis Europa e a empresa ourensá Taste Galicia.

Participaron un total de 42 investigadores, 32 poñentes, 24 entidades galegas, españolas e internacionais, 7 consellos reguladores; así mesmo 360 persoas apostaron por achegarse a algunha das actividades.

Dende a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia queremos dar as grazas a todos eles por facer posible unha idea que naceu cos obxectivos de achegar máis o viño á sociedade galega; render unha homenaxe a un sector que é piar fundamental da economía rural e colocar, unha vez máis, a nosa entidade coma o gran centro de referencia vitivinícola de Galicia.

 

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter
Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio AmbienteFEADER