mapa portal accesibilidade contacto
EvegaEvega
Xunta de Galicia

A Consellería do Medio Rural presentou un video de selección clonal e un tríptico sobre produción integrada producidos pola EVEGA

13/09/2016
  • A conselleira destacou que grazas á produción integrada neste sector, o viño contará cunha nova etiquetaxe que garante ao consumidor un produto máis sostible e respectuoso co medio ambiente
  • Aproveitando a presentación deste folleto, tamén se difundiu un vídeo explicativo sobre a selección clonal de vide en Galicia

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou esta mañá na presentación do tríptico elaborado pola Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia, co que se pretende informar ao sector sobre a produción integrada no viñedo e aconsellar sobre a xestión de pragas.

Acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, a conselleira visitou as instalacións do centro -dependente desta Consellería- e coñeceu de primeira man o labor investigador e formativo que se leva a cabo nas súas dependencias. Seguidamente, asistiu á presentación deste tríptico, que ten como obxectivo dar unha maior difusión das técnicas de control de pragas e os aspectos máis relevantes para implantalas nos viñedos galegos. Así, vaise potenciar a combinación de técnicas culturais, de selección de vexetais, biolóxicas, biotecnolóxicas e químicas para que o emprego de produtos fitosanitarios se limite ao mínimo necesario nos viñedos galegos.

Ademais, neste tríptico tamén se informa aos viticultores profesionais e adegueiros sobre a produción integrada, sistema de certificación da produción de uva obtida a partir do Sistema de Xestión Integrada de Pragas. Con este novo selo, o viño contará cunha nova etiquetaxe que garante ao consumidor un produto máis sostible e respectuoso co medio ambiente, así como unha calidade por riba dos estándares esixidos na normativa xeral.

Trátase este dun sistema de produción agraria máis próxima á elaboración tradicional pero que non ten por que ser ecolóxico. Utiliza ao máximo os recursos e os mecanismos de produción naturais mediante a introdución de tecnoloxías respectuosas co medio, asegurando unha produción de alta calidade e salubridade contrastada, así como a rendibilidade da explotación e a eliminación ou redución de insumos exteriores e de fontes contaminantes.

Neste senso, Ángeles Vázquez lembrou que grazas a esta nova etiquetaxe os nosos viños serán valorados pola súa calidade dende a orixe á mesa, pois serán de calidade máxima e o resultado dunha actividade compatible co coidado e mellora do medio ambiente. Así, destacou tamén que o seu departamento está traballando na creación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) para mellorar a protección e promoción dos alimentos producidos na nosa comunidade, incluídos os viños, así como para potenciar as actividades investigadoras e de desenvolvemento tecnolóxico neste eido.

A creación desta axencia redundará nunha mellor protección e promoción da calidade dos produtos alimentarios galegos, co conseguinte beneficio para todos os axentes da cadea de valor destas produción. Preténdese fomentar dun xeito máis eficiente todo o relativo á aplicación da I+D+i no eido alimentario e agroforestal, o que beneficiará non só aos produtores e industrias vinculados con estas actividades, senón tamén á poboación en xeral, xa que incidirá positivamente na calidade dos alimentos consumidos.

 

Selección clonal

Aproveitando a presentación deste folleto, tamén se difundiu un vídeo explicativo sobre a selección clonal de vide en Galicia. Nel amósase o traballo da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), quen leva a cabo unha mellora xenética das variedades autóctonas galegas baseada na selección daqueles individuos que, mantendo a súa identidade varietal, presentan boas características produtivas, cualitativas e sanitarias.

Desta forma, a Evega facilita aos viveiristas galegos material vexetal dos clons certificados, principalmente de uva albariño, para que poidan subministrar planta certificada aos viticultores.

 

>> Ver vídeo

>> Ler díptico
 
 

Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio AmbienteFEADER