mapa portal accesibilidade contacto
EvegaEvega
Xunta de Galicia

A EVEGA organizará en xuño o “I Encontro de Viticultura Galicia-Norte de Portugal” para impulsar este sector dende a Eurorrexión

Imaxe Evega
01/03/2017
  • A celebración deste evento anunciouna hoxe o director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia durante a visita a este centro dunha delegación de expertos lusos

Santiago, 1 de marzo de 2017.- A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), adscrita á Consellería do Medio Rural, organizará no mes de xuño o I Encontro de Viticultura Galicia-Norte de Portugal. Este foro servirá para avanzar na estratexia de traballo conxunto entre ambos territorios, co fin de dar resposta aos novos retos e necesidades aos que se enfronta a viticultura da Eurorrexión. A celebración deste evento anunciouna hoxe o director da Evega, Juan Casares, no contexto da visita a este centro dunha delegación portuguesa formada por por Nuno Brito, director da Comissão de Viticultura da Região dos Vinhos Verdes, e de João Garrido, director da Estação Vitivinícola “Amândio Galhano” (Evag). Ambos coñeceron de primeira man as instalacións e o funcionamento da Evega, institución orientada á investigación e a facilitar servizos ao sector vitivinícola galego.

Os representantes das tres entidades mantiveron unha reunión de traballo na que se acordou establecer un mecanismo de intercambio de información sobre as actividades formativas de cada centro, a organización de accións conxuntas no marco da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e mesmo a colaboración entre os laboratorios de ambas as dúas entidades para a posta a punto de distintas técnicas analíticas.

O máximo responsable da Evega explicou aos representantes lusos que a xuntanza prevista para xuño servirá, ademais, para divulgar entre o sector vitivinícola as capacidades tanto investigadora coma de innovación con que conta a eurorrexión. Constituirá, segundo Juan Casares, un marco axeitado para que os equipos científicos galegos e do norte de Portugal estreiten lazos e propoñan traballos en conxunto.

Colaboración co Norte de Portugal
A colaboración da Evega con entidades do norte de Portugal non é nova, xa que desde o ano 2015 está a traballar, xunto á Universidade de Santiago de Compostela, coa Universidade Trás-os-Montes e Alto Douro (Utad) nun estudo sobre o establecemento das relacións existentes entre as variedades galegas e as portuguesas, a partir dos bancos de xermoplasma (coleccións de variedades) dispoñibles. Ambas as dúas coleccións acubillan un número importante de castes de cultivo tradicional en Galicia e no Norte de Portugal, respectivamente. Estes estudos permitirán identificar aquelas variedades comúns, así como as posibles relacións de parentesco entre este material xenético.

Viños Verdes
A Comisión de Viticultura da Rexión dos Viños Verdes é o equivalente a un consello regulador como os que existen en Galicia. Ampara a Denominación de Orixe Vinhos Verdes e a Indicación Xeográfica Protexida Minho. Traballa tanto na promoción como na potenciación da calidade destes viños, así como no fomento da súa comercialización e exportación. Ten a súa sede en Porto e a rexión demarcada abarca todo o noroeste de Portugal, na zona tradicionalmente coñecida como Entre-Douro-e-Miño, que limita ao norte con Galicia e o sur co río Douro. En termos de área xeográfica é a maior rexión demarcada portuguesa e unha das maiores de Europa.

A Estação Vitivinícola “Amândio Galhano” (Evag) é un centro de experimentación e investigación creado pola devandita Comisión dos Viños Verdes en 1984. Localizada en Arcos de Valdevez, no Val do Lima, ocupa unha propiedade coñecida como a Quinta de Campos de Lima, cunha superficie de 66 hectáreas. Foi creada co obxectivo de desenvolver a vitivinicultura da rexión, como unha unidade experimental que a través dos seus traballos pretende dar resposta aos problemas dos viticultores.

Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio AmbienteFEADER