mapa portal accesibilidade contacto
EvegaEvega
Xunta de Galicia

Entrega de premios das Catas de Viños e Augardentes 2016

Premios Cata Viños de Galicia 2016
19/07/2016

Lembra que a Xunta achegou 5,4 millóns de euros entre 2012 e 2015 para apoiar a seguir afondando na internacionalización do sector

Refírese a importancia do etiquetado como garante de calidade e incide en que ademais dun risco para o consumidor, estas prácticas supoñen tamén unha forte eiva para este sector

Insiste en que nun mercado tan competitivo como o vitivinícola a única forma de diferenciarse é con calidade

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, resaltou hoxe, durante o acto de entrega de premios das Catas de Viños e Augardentes, a aposta pola internacionalización do sector vitivinícola como unha das claves do seu futuro e lembrou que a Xunta achegou 5,4 millóns de euros entre 2012 e 2015 para apoiar a promoción dos viños galegos e afondar na súa internacionalización.

Así mesmo, referiuse a outros instrumentos que o Goberno galego proporciona ao sector como a Evega, que aposta pola investigación para a mellora tecnolóxica da viticultura; e o Ingacal, que loita para a promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos e que moi pronto se converterá en Axencia (Agacal).

A conselleira destacou a “alma vitícola” de Galicia facendo balance dos participantes desta edición: 201 viños, 128 adegas e colleiteiros das cinco Denominacións de Orixe, 13 mostras de augardentes, 10 de licores de herbas e 11 de licor café. E referiuse a importancia do etiquetado como garante de calidade. “Os produtos sen etiquetado non son máis auténticos, senón máis perigosos”, sentenciou, incidindo en que ademais dun risco para o consumidor, estas prácticas supoñen tamén unha forte eiva para este sector. Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez insistiu en que nun mercado tan competitivo como o vitivinícola a única forma de diferenciarse é con calidade, por iso, sinalou, os eventos coma este son máis importantes ca nunca. E resaltou o traballo dos Consellos Reguladores de viños, dos expertos que realizaron as catas e dos produtores, distribuidores e adegueiros.

A titular do Medio Rural estivo acompañada neste acto pola conselleira de Mar, Rosa Quintana, e polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, entre outras autoridades.

 

Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio AmbienteFEADER