mapa portal accesibilidad contacto
EvegaEvega
Xunta de Galicia

Novas do Ingacal: O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e a súa actividade a prol do campo galego. Actividade 2015

17/02/2016

For the sake of viewer convenience, the content is shown below in the alternative language. You may click the link to switch the active language.

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) é un servizo dependente da Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal, dentro da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal da Consellería do Medio Rural. Está coordinado na súa actividade investigadora e de xestión económica có resto dos centros de investigación da Consellería do Medio Rural polo INGACAL (Instituto Galego da Calidade Alimentaria)

Con máis de 125 anos de historia, o CIAM exerce todas cantas funcións lle son encomendadas en materia de investigación, innovación e transferencia en materias agrarias, incluída a agricultura, a gandería e a industria agroalimentaria, dende os puntos de vista da produción, da conservación e mellora xenética, da sanidade e o benestar, de xeito compatible có medio ambiente e a biodiversidade agraria.

Durante o ano 2015 o CIAM tivo en execución ata 33 proxectos de investigación, sendo un referente no I+D+i agrario na comunidade autónoma de Galicia. O CIAM desenvolveu investigación fundamental orientada aos retos da sociedade no marco de cinco proxectos RTA (Recursos e Tecnoloxías Agrarias), tres RFP (Recursos Fitoxenéticos Permanentes) e dous AC (Accións Complementarias) en temas tan diversos como o millo forraxeiro, pratenses, silos, árbores froiteiras, autentificación da orixe da produción do leite en función do sistema de produción, a xestión sustentable de pastos, as producións con especies gandeiras autóctonas e os seus cruces, así como aspectos sanitarios da cabana gandeira. O CIAM alberga o banco de recursos fitoxenéticos máis importante da comunidade autónoma de Galicia polo que tamén desenvolveu dezaseis actuacións sobre recursos fitoxenéticos no marco das submedidas 214.22 e 214.2.4 do PDR 2007-2013,

Pero se algo caracteriza ao CIAM é o seu labor de I+D+i naquelas cuestións de interese agrícola e gandeiro que demanda o sector e que permitiu establecer convenios de colaboración e proxectos de investigación con vinte empresas de índole autonómica, nacional ou supranacional en cuestións tan variadas como a selección e mellora de variedades autóctonas de cereais, árbores froiteiras, produtos hortícolas, cultivos e produtos para aproveitamento forraxeiro e en pensos, produción de carne e leite e as súas características e calidades, o estudo das enfermidades da cabana gandeira, a testaxe de produtos fito e zoosanitarios, etc.

No ano 2015 esta actividade investigadora trasladouse ao sector con máis dun centenar de actividades de transferencia consistentes en xornadas técnicas, campos de ensaio, comunicacións a congresos e reunións científicas nacionais ou internacionais, docencia en cursos, publicacións científicas nacionais e internacionais e en revistas de divulgación agrogandeira, ademais de colaboracións audiovisuais cós medios de comunicación.

A Consellería do Medio Rural ten nos seus centros de investigación un instrumento de apoio ao sector agrario galego buscando un equilibrio entre a redución dos custes de produción e a obtención de produtos diversificados e de calidade diferenciada nun mercado cada vez máis competitivo.

Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio AmbienteFEADER