mapa portal accesibilidad contacto
EvegaEvega
Xunta de Galicia

CONCLUSIÓNS DO I ENCONTRO DE VITICULTURA GALICIA – NORTE DE PORTUGAL

Conclusións
22/06/2017

O sector vitivinícola se apoia hoxe en día nunha sólida base científica adquirida a través dos anos grazas ao esforzo continuado de investigadores que viron no viño un produto estratéxico, un obxectivo atrainte de estudio e unha industria que secularmente foi fundamental para os intereses económicos de Galicia. Como ficou hoxe de manifesto, na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal existe un importante número de persoas e entes dedicados á investigación en viticultura con importantes publicacións científicas.

En Evega entendemos que, dada a diversidade de axentes involucrados no mundo do viño e a multitude de actuacións innovadoras ás que se debe someter o sector nun futuro achegado, era necesario buscar o xeito de xuntar esforzos para posicionar o sector do viño a nivel global. Non esquezamos que o gran reto da viticultura en calquera ámbito territorial é ser competitiva e sostible nun escenario cada día máis globalizado, con mercados internacionais que funcionan baixo a premisa da esixencia crecente en termos de eficiencia, innovación e calidade.

Así mesmo constitúe un feito innegable que as condicións tanto orográficas, climatolóxicas coma varietais de Galicia e o norte de Portugal, ligadas a outras de tipo histórico, estrutural e mesmo tradicional, determinan que falemos dunha verdadeira unidade no que atinxe ao modelo vitícola.

Por todas estas razóns, e cara fornecer a viticultura de maiores parámetros de competitividade e sustentabilidade, era necesario dar un primeiro paso unha acción de cooperación entre os axentes do sector en ambos os dous territorios. Ese paso materializouse hoxe aquí, en Ourense, coa celebración deste I ENCONTRO DE VITICULTURA GALICIA – NORTE DE PORTUGAL,

Hoxe ficaron ben ás claras cales son as capacidades tanto investigadora coma de innovación con que conta a Eurorregión. Hoxe as equipas científicas galegas e do Norte de Portugal coñecemos polo miúdo o noso traballo, as nosas liñas de investigación, e estamos, máis que nunca, en disposición de establecer as sinerxias que fagan posible crear unha plataforma científica con alicerces sólidos, soporte de todo o caudal de innovacións que o sector precisa, en ambos os dous territorios.

Dende a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia queremos manifestar que para nós este congreso non debe rematar aquí. Este evento debe ser o punto de partida dunha colaboración estreita, sólida e eficiente.

A modo de conclusións, queremos salientar unha serie de liñas mestras que poden servir de folla de ruta para actuacións conxuntas; un guieiro para as actuacións futuras que nos permita contribuír á modernización das nosas vitiviniculturas e perfilar as liñas mestras de colaboración en investigación e que serán esenciais para o futuro da vitivinicultura galega e portuguesa.

  1. A conservación e estudo de variedades minoritarias de cultivo tradicional, e en moitos casos autóctonas, que están a ser demandadas polo sector para a obtención de viños diferenciados. É preciso afondar na súa xenética é na posta en valor do seu potencial vitivinícola.
  1. O coñecemento da variabilidade intravarietal e os procesos de selección clonal, pola súa relevancia na obtención de material vexetal de calidade. Sendo conveniente contar con toda a diversidade intravarietal localizada nas diferentes zonas de cultivo independentemente das fronteiras administrativas.
  1. O estudo e avaliación de factores que inciden na calidade da colleita: sistemas de condución, porta enxerto, utilización de boas técnicas de cultivo, desfollado precoz, aclareo de acios, estrés hídrico e incluso o uso do ozono. Todos estes factores inciden no metabolismo secundario da planta, e poden redundar nunha maior calidade aromática das baias, mostos e viños, polo que é preciso afondar no seu coñecemento. Neste senso salientamos a importancia que ten a elección do porta enxerto como un elemento de difícil substitución unha vez feita a plantación. E se ben tradicionalmente a elección do portaenxertos, está condicionada polo medio físico e a variedade a enxertar, a día de hoxe tamén é de considerar a súa elección xa que pode condicionar unha maior tolerancia a certos axentes patóxenos como determinadas viroses.
  1. A viticultura de precisión baseada na sensórica, tecnoloxías SIG e de teledetección, procesado de imaxes de dron e satélite combinado con índices de vexetación, climáticos e de solos, imponse como ferramenta que permite utilizar variables auxiliares para xestionar de maneira racional e diferenciada o viñedo de acordo con diversos atributos do solo e do clima, cara a conseguir, nun futuro, un viñedo máis sustentable e competitivo.
  1. A creación de plataformas integradas de monitorización e avaliación de enfermidades no viñedo que, coma no caso da flavescencia dourada, pretenden redundar no desenvolvemento de novas tecnoloxías que permitan unha maior capacidade de resposta temporal na detección e contención da enfermidade. A súa vez traerá canda si unha mellor xestión do uso de pesticidas e unha diminución das perdas de produción.
  1. O desenvolvemento de metodoloxías que permiten a eliminación de patóxenos no material vexetal comercial como é o tratamento por agua quente no caso da flavescencia dourada.
  1. O terroir e a zonificación agro-ecolóxica como un factor crítico de competitividade e innovación na produción vitivinícola, centrando os esforzos no estudo da aptitude natural, cultural e económica do medio para lograr unha maior viabilidade das unidades de produción.
  1. O cambio climático que semella achegarse. Os modelos climáticos indican unha nova redistribución climática en anos vindeiros, cun aumento do estrés hídrico nas plantas. Por esta razón é preciso a pescuda de estratexias que permitan manter o cultivo do viñedo con produción de calidade. A curto prazo é preciso buscalas en sistemas de condución máis eficientes, nunha adecuada xestión da rega, na xestión de coberturas vexetais ou na aplicación de protectores foliares. Máis a longo prazo debemos pensar na selección de castes e porta enxertos máis tolerantes a esta nova situación climática.

 

  1. En derradeiro lugar debemos potenciar a utilización de subprodutos da industria vitivinícola como un valor engadido. Mostrouse neste encontro a posible utilización de sementes de uva pola industria farmacéutica, cosmética e alimentaria, xa que estas poden ser utilizadas como materia prima na produción de aceites ou doutros produtos de alto valor nutricional.

Agardamos que todas estas liñas propostas redunden nunha maior sustentabilidade e competitividade do sector vitivinícola de ambos os dous territorios. Ao mesmo tempo esperamos que sexan o cemento que permita consolidar entre nós novas sinerxias que revertan no desenvolvemento de novos proxectos para dar resposta as necesidades estratéxicas dese sector.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter
Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio AmbienteFEADER