mapa portal accesibilidad contacto
EvegaEvega
Xunta de Galicia

Laboratorio de Análises

Laboratorio de análises

Laboratorio de análises

O 25 de xullo de 2015, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia escribiu unha nova páxina na súa historia coa consecución, para o seu laboratorio, da Acreditación pola ENAC segundo norma UNE-EN-ISO 17025 rexistrada co número 1107/LE 2142. O cumprimento desta norma é unha garantía da calidade das análises que realizamos. O anexo técnico da acreditación está dispoñible en www.enac.es

Para dar cumprimento ao compromiso de mellora continua dos seus servizos, e tras varias ampliacións, en xuño de 2016, a Evega solicita á ENAC unha nova ampliación do seu alcance de acreditación. A Comisión de Acreditación acorda, en data 3 de febreiro de 2017, manter e ampliar o alcance da acreditación núm. 1107/LE2142 nos termos que recolle o anexo técnico publicado.

Dito acordo abrangue aos ensaios e técnicas seguintes: grao alcohólico volumétrico (método infrarroxo medio, infrarroxo próximo e densimetría electrónica), pH (método infrarroxo medio e potenciometría), acidez total (método infrarroxo medio e valoración potenciométrica), acidez volátil (método infrarroxo e volumétrico), azucres (método enzimático LISA 200), ácido cítrico (método enzimático), dióxido de xofre libre e total (Fluxo continuo segmentado e valoración) ácido sórbico (cromatografía líquida con detector ultravioleta), metanol (cromatografía de gases con detector FID) e acetato de etilo (cromatografía de gases con detector FID).

Lembramos que o noso laboratorio, se ben xa era recoñecido coma oficial tanto a nivel galego e español como europeo, agora, coa implementación do seu sistema de calidade e sobre todo co recoñecemento continuo pola ENAC, conta co aval oficial a unha forma de traballar eficiente e competitiva e colócanos na liña dos Laboratorios e Estacións Vitivinícolas de España.

O instrumental analítico deste laboratorio permite estudar os principais compostos químicos relacionados coa calidade das uvas, dos viños, das augardentes e a súa seguridade alimentaria.

O traballo do laboratorio intégrase coas demais áreas vitivinícolas xa que coa súa investigación, asentada nas análises físico químicas, achega datos cuantitativos que complementan os resultados obtidos noutras áreas.

A este respecto apuntamos que durante o ano 2016 no laboratorio físico químico da EVEGA analizáronse 3.668 mostras e desenvolvéronse 24.381 ensaios.

A EVEGA participa en programas interlaboratorios, coma o organizado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, para manter a punto as técnicas analíticas que desenvolve, así como o programa BIPEA e outros que mesturan a parte sensorial e analítica como o proxecto ALABE.

Documentos

Nota Importante.-Os ensaios realizaranse preferentemente polas técnicas acreditadas agás indicación expresa do cliente que deberá consultar co laboratorio a dispoñibilidade para realizar o ensaio por un procedemento distinto dos sinalados. En todo caso o cliente aceptará, agás indicación contraria pola súa parte, que o laboratorio use os procedementos de ensaio que permitan emitir os resultados no menor prazo de tempo.

Cando os resultados obtidos pola técnica FTIR estean fóra dos rangos para os que se solicitou a acreditación ou fóra dos lindeiros legais, utilizaranse os procedementos baseados nos métodos da OIV.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter
Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio AmbienteFEADER