Preguntas y Respuestas

Este apartado amosa unha selección das preguntas que nos chegan e as súas respostas.

Podes colaborar enviándonos as túas preguntas por correo-e ao enderezo evega.medio-rural [at] xunta.es (evega[dot]medio-rural[at]xunta[dot]es), indicando no asunto “páxina web preguntas e respostas”.

Con respecto a las recomendaciones vuestras publicadas en la página web y concretamente en este punto: “Se os gromos están totalmente afectados, sen hipótese de que as netas dos nos da súa base agromen, en teoría non sería preciso podar, porque nada se adianta con cortar algo que está morto. Sen embargo, nas viñas que xa tiñan a vexetación bastante desenvolvida, hai moitos viticultores que, con bo criterio, podan para tirar a podremia de diante. Ademais, os pámpanos caídos poderían estorbar a agromada dalgún cono secundario”,

 

quería saber si al retirar eses brotes quemados, no se podría dañar los conos secundarios o terciarios que se encuentran en la base de ese brote y nos permitiría a lo menos conservar la estructura de la poda o alguna producción? Hay que tener en cuenta que muchas veces tenemos dos brotes en la misma yema simultáneamente, por lo que entiendo que no se estorban a la hora de brotar. 

Cando o brote está totalmente afectado, termina por secar e caer. Se aínda fica algo verde e eliminas os brotes queimados tes que facelo sempre con tesoiras, porque se desgarras podes danar os conos que non están afectados. Ten en conta que cando un cono non está afectado posiblemente agrome e pode aparecer algún acio; en todo caso sempre queda a posibilidade de que agromen a xema cega ou as casqueiras que te permitiran facer a poda do ano vindeiro.

Se hai xemas non afectadas, non te preocupes xa que rebrotará e terás que elixir o brote necesario para refacer a poda do ano que vén.

Verbo da última cuestión a resposta é que non se estorban para agromar xa que o tecido morto cae.

Somos seguidores de su web y tengo una duda; he buscado información y sigo con el mismo problema. Espero que puedan resolver mi duda.
Queremos hacer el trasiego del vino. Cuando es el momento idóneo para añadir el sulfito? Horas antes, durante o después?

En primeiro lugar é necesario facer unha análise do viño coa finalidade de coñecer o nivel de sulfuroso que ten e, se for preciso, coñecer a cantidade exacta a engadirmos. Non debemos esquecer que o sulfuroso é un produto tóxico e, polo tanto, sometido a uns niveis legais no viño.No caso de termos que facer unha achega complementaria sempre é interesante facela denantes do trafego co gallo de protexer ao viño do contacto co ar.

Deixáronme unhas parras vellas de ”catalán” branco, ”americano” branco e ”jaca” tinta. Na zona na que vivo, próxima a Pontevedra, adoitase podar a varas cortas de 4 e 5 xemas. A miña pregunta é: ¿Que tipo de poda axeitase máis a estas variedades? ¿cotóns, varas ou mixto?Por outra banda, teño entendido que estas variedades hai quen as utiliza para facer enxertas. ¿Qué variedades podo enxertar nelas?

 

Por último, tamén teño cepas de albariño e loureira branca; se teño debilitamentos, ¿Podo realizar poda por cotóns?

Relativo ás podas, a miña experiencia é que a maioría das castes admiten máis dun tipo de poda, dependendo da ubicación da viña e outras circunstancias, como os mesoclimas, a arquitectura, a xeometría de plantación e o tipo de viticultura que se pretenda facer.

A poda invernal é necesaria, pero por si soa non basta para que a planta fique ben gobernada durante o resto do período vexetativo.

Tras a poda, ven a agromada primaveral e despois unha expansión vexetativa na que se van desenvolvendo os pámpanos, as follas e por suposto os acios. Cando falo de acios refírome non só á colleita que está á vista, de bagos verdes primeiro, que pasan a amarelos ou vermellos tras a chegada do pintor. Tamén falo da outra que permanece oculta, formada polos esbozos de flor escondidos dentro das xemas latentes, que se preforman coincidindo coa tal expansión. En función do grao de fertilidade que se orixine dentro das latentes teremos a potencialidade da colleita do ano seguinte.

Na videira están á vista dúas partes, unha fixa, que é o esqueleto ou armazón, e outra “móbil”, que é a devandita vexetación que xurde todas as primaveras e, tras a caída da folla, se elimina no inverno mediante a poda. Nas viñas actuais, agás nalgúns vasos de desenvolvemento libre no oriente galego, esta parte verde, sexa en parras como en espaldeiras verticais, guíase e apóiase en tramados formados por postes e arames. Hai unha terceira parte, que non vemos como non a descubramos cunha aixada ou co cazo dunha pa, que é a de sostén ou sistema radicular, ancorado no solo.
O conxunto do esqueleto e da vexetación organizada no tramado compón a arquitectura da videira.

Dentro do conxunto que é a viña, a relación espacial entre cada unha das videiras e as que ten ao redor define a xeometría de plantación, cuxas expresións máis coñecidas son:

– orientación de filas.
– compás ou marco de plantación.
– densidade.

Sen saírmonos de Galiza, vamos atopar plantacións con densidades desde 10.000 plantas/ha até outras con menos de 1000 plantas/ha. Isto para que te deas idea da capacidade de adaptación da videira.

Nun lugar frío, de solo pobre e seco, o desenvolvemento vai ser inferior que noutro de clima máis temperado, húmido e de terreo fértil.

Solo e clima determinarán o potencial de vigor da planta.

Os mesoclimas das zonas vitícolas das Rías Baixas dan lugar a unha boa expansión foliar, agás que condicións excepcionais de secura ou de pobreza e/ou mal estado do solo o impidan. Expansión que se vería alterada igualmente se nun ano ruín as enfermidades criptogámicas campan por non ter aplicado os tratamentos oportunos.

En igualdade das restantes condicións, o volume espacial ao dispor de cada planta ha de ser proporcional ao volume de solo ao dispor dos seus correspondentes sistemas radiculares. Se o volume aéreo é inferior do que debería, vai vir o desequilibrio, que se manifestará coa irrupción dunha masa vexetativa compacta, xunguida e con excesivas porcentaxes de áreas en sombra permanente, medrando sen parar, o que obrigará a realizar despuntes excesivos que perpetuarán o desequilibrio orixinario ao longo do desenvolvemento vexetativo. A proliferación de netas, agromadas da casca e de chupóns serán manifestacións típicas.

Na poda invernal compre deixar unha carga axeitada ao vigor.
Norma xeral:
Deixar un número de ollos equivalente ao de sarmentos de desenvolvemento normal (para a caste de que se trate) presente a videira.

A maiores de dispor dun número de m2 de entramado suficiente onde “asentar” o vigor de cada planta, hai que ordenar e distribuír os pámpanos de tal xeito que se remate optimizando a recepción de luz por parte da maioría das follas e que ao tempo os acios non estean apiñotados.

A distribución xeométrica do conxunto debe contribuír a unha boa ventilación de cada planta.

Equilibrio, luz e ventilación van incidir non só en dispor dunha razoable colleita á vista, senón tamén dunha razoable fertilidade das xemas, ou sexa unha razoable colleita potencial para a campaña seguinte.

A poda a cotóns de 4-5 xemas (chamadas palletas nalgunhas zonas) que dis que aí se emprega para tres híbridos pode ser boa sempre e cando dea uns rendementos e unha calidade de uva acordes ás expectativas de quen a practica e conserve aceptablemente a armazón que no seu lle deron á videira mediante a poda de formación.

Podas a cotón tradicional (de unha ou dúas xemas), a palletas, a vara longa ou a guyot dependerán de mesoclimas, castes e tradicións de cada zona vitícola.

Que as cargas (nº de xemas deixadas na poda) sexan proporcionais ao vigor de cada planta e que o desenvolvemento vexetativo subseguinte á poda invernal se encauce nun tramado ad hoc para lograr a súa mellor distribución deberán ser o denominador común para o logro do obxectivo que se procura, o equilibrio.

Esa viña que acabas de tomar, nesa zona supoño que estará montada en parras. Deberás revisar o estado dos tramados e as armazóns (esqueleto “fixo”) das videiras unha por unha.

Os brazos deberán estar ben distribuídos por riba dos arames. Os puntos produtivos deberán estar equidistantes ao longo dos brazos, sen faltas, para evitar acumulacións de vexetación nuns tramos e por contra baleiros noutros.

En función do que atopes poderás deixar as cousas como están ou teres que facer podas de reorganización ou mesmo rebaixes se aparece algún caso de decrepitude ou malformación extrema nun brazo.

No que nos preguntas sobre o Albariño e a Loureira debes tratar en primeiro lugar de pescudarcales son as causas desa fraqueza. Vouche facer unha división sinxela de hipotéticas causas:

-Problemas no solo: De estrutura. De deficiencia dalgúns nutrientes. De enfermidades,…
-Problemas na parte aérea. De enfermidades (excoriose e outras). De desequilibrios por podas non adecuadas, …

Ante un vigor escaso compre reducir as cargas de poda. O resultado será bo sempre e cando ao tempo se arranxen todas as causas que levaron ao Albariño e á Loureira a esta situación.

Nin o Catalán nin o Jázquez están autorizados como portaenxertos. Non sei a que híbrido te refires como “Americano Branco”, pero supoño que tampouco estará autorizado. Por esta circunstancia non temos feito con eles ensaios de compatibilidade e adaptación aos nosos solos.

Que non estean autorizados non parece significar que a nivel caseiro non podas ensaiar compatiblidades patrón-enxerto. A experiencia dos viticultores veteranos dos arredores ben seguro que che serán de utilidade. Os híbridos produtores directos está autorizados para a elaboración de destilados, non para facer viño. Outra cousa é que a nivel de consumo para a casa teña existido certa tolerancia, porque moitas das plantacións son anteriores á lei. A súa proliferación foi debida, entre outras razón, a maior resistencia ás pestes americanas.

NaEstación de Viticultura e Enoloxía de Galicia(EVEGA) estamos ao teu dispor para cando queiras visitar as nosas plantacións. Así mesmo aEstación Experimental de Viticultura e Enoloxíaen Ribadumia fícache preto e pódete interesar ver as plantacións pola maior similitude climática. Noutra orde de cousas te informo de que para analíticas e diagnóstico de solos e plantas a Xunta de Galicia dispón do laboratorio LAFIGA en Mabegondo e a Deputación de Pontevedra conta coa Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

Me gustaría sustituir la viña de catalán que está plantada en nuestra finca por variedades autóctonas gallegas. La mayor parte de la viña se quitó al comprar la propiedad, pero queda el emparrado del camino y el patio alrededor de la casa. Qué variedades podrían recomendarnos?. Y qué viveros disponen de ellas?. La finca se localiza en el fondo del valle de la Maía, Bastavales, Brión. El suelo es bastante arenoso, hace mucho calor en verano (en algunos veranos…) y hiela en invierno.

As xeadas de inverno que mencionas non prexudican á viña, ao menos nas condicións climáticas galegas.

Diferente é cando a viña é afectada polas xeadas de primavera, a partires de que as videiras están agromadas. Dependendo da súa intensidade e duración, pode chegar a perderse boa parte da colleita.

Se tes a sorte de dispor dun observatorio meteorolóxico preto da viña deberías examinar as temperaturas de mínimas absolutas de abril e maio que houbo ao longo de varios anos. Se por contra non hai ningunha estación nos arredores, o mellor é conversar cos vellos da zona, porque teñen a experiencia de toda unha vida e de entre todos eles algúns haberá que lembren se as xeadas de primavera teñen sido frecuentes ou soamente esporádicas no lugar onde vas plantar.

As xeadas de primavera son caprichosas e, sobre todo se o terreo é algo crebado, poden afectar a unhas parcelas si e a outras non, nun ámbito moi reducido, aínda dentro dunha mesma viña. Por isto mesmo non hai nada mellor que a experiencia dos anciáns que teñen vivido sempre no lugar.

Dis que onde vas plantar a viña é o fondo dun val. Descoñezo esa zona, pero vouche dar unha indicación. En días de xeada o aire frío acumúlase nos fondais, simplemente porque pesa máis que o quente. Por isto mesmo as viñas antigas están en ladeiras e nunca nos baixos, precisamente porque nas costas o aire frío non para, non se estanca como nos fondos.

Aparte da propensión ás xeadas de primavera compre considerar a exposición do terreo, e concretamente cal é o seu grao de protección en relación aos ventos do Norte. Estes ventos, que moitas veces veñen acompañados de choivas frías, cando coinciden coa floración, poden facer tanto dano á colleita como unha xeada.

Moito se está a falar do cambio climático. Dependendo de para onde derive, dentro dunhas décadas tal vez os sitios que hoxe consideramos ruíns para cultivar a viña non o vaian ser tanto, e as exposicións ao Norte cheguen a ser máis recomendables. Pero polo momento hai que aterse ao clima que temos agora e por tanto procurar plantar en zonas abrigadas deste vento.

Outra limitación para o cultivo da videira é a humidade. A viña tolera ben a humidade invernal. Coa entrada en vexetación a cousa cambia e a partires de entón as choivas, as néboas ou os orballos se son moi abundantes e/ou persistentes non lle sentan nada ben.
Dito doutro modo, máis que a cantidade total das choivas caídas nun lugar vai influír o seu reparto ao longo do ano. A viña funciona mellor cando hai unha certa seca estival. É certo que na actualidade existen combinacións de funxicidas moi efectivas para controlar as doenzas, pero aínda así un exceso de humidade no verán non é bo para a calidade da uva.

Dis que os solos da viña son areosos, en condicións de alta precipitación teñen a vantaxe de percolar moi ben a auga sobrante para capas profundas.

Volvendo ao que che indiquei sobre a análise de datos meteorolóxicos, será bo que compares os da estación máis próxima á túa viña cos das zonas vitícolas do Ulla, do Barbanza, do Salnés, ou de Betanzos. Nomeo estas catro zonas por razóns de proximidade e por tanto por presunción de certa afinidade climática. Nalgunhas parroquias de Noia e Serra de Outes hai algo de viña, e débenche ficar bastante cerca, así que consulta se por alí existe algún observatorio. Esta análise comparativa creo que che será de grande interese en relación coa viabilidade da viña.

Se tes habilidade para moverte por internet serache fácil de atopar estes datos, senón na Oficina Comarcal Agraria de Santiago hai persoal técnico que de bo grao che axudará a buscalos e a interpretalos.

Como aínda quedan unhas semanas polo medio antes de concertar a petición de planta cos viveiros, entendo que merece a pena que te asesores ben para entre todos mellor acertar coa elección das castes máis axeitadas para a túa viña.

Non concretaches se tes preferencia por brancas ou tintas, un factor tamén a considerar.

O xofre tirado polo chan debaixo das cepas, é igual de eficaz que o aplicado as cepas directamente? Lin, que para que non queimase, había que mesturalo con cal, en proporcións 2:1 ou 1:1 (xofre:cal) e segue a ser eficaz igualmente, que tipo de cal, e as proporcións son en peso ou en volume?

Dependerá entre outros factores da distancia entre a vexetación e o chan. Con vexetación case rastreira, os vapores do xofre van ter unha acción máis efectiva que se estivese alta. De calquera xeito hai que medirse co xofre, porque con temperaturas altas pode queimar, tanto as follas como os bagos. Eu teño experimentado con mestura de xofre en po con caolín, que é un mineral branco e inerte, 1 a 1, e funcionoume ben. De calquera maneira, se a presión do oídio non é moita, e dependendo das castes, o xofre mollable pode facer una defensa razoable, e sen tanto perigo de queimar. No que poidas, aconsélloche tomar medidas, no manexo que propicien a mellora na ventilación da vexetación, que iso axuda moito, e con menos produto consegues o mesmo efecto. Claro que cando estamos diante dunha viña rodeada de bosques que lle cortan a ventilación, e ademais favorecen a permanencia dos orballos nas mañás, o problema agrávase. Eu nestes días pensaríao moito antes de aplicar xofre en po, por moito que se rebaixe co caolín, porque as predicións dan temperaturas moi altas.

Teño unas cepas de mais menos 80 anos co sistema de atado en estaca, ¿sería bo facer a poda en verde da cima das varas? En caso afirmativo en que época sería conveniente.
¿En que momento sería conveniente cortar os acios que considero que sobran en cada cepa?

Cando falas do sistema de atado en estaca supoño que te referirás á condución tradicional propia do Ribeiro e zonas circundantes. Hai outras zonas de Galicia que tamén utilizan a estaca para suxeitar o corpo da videira, xeralmente formada en vaso, cun número de brazos variable segundo as zonas. A formación do Ribeiro varía en canto a que na poda se deixan bicos (varas arqueadas), ao menos en canto a cepa é nova e ten vigor suficiente. Tamén en que ademais da estaca que suxeita o tronco da cepa, espétanse outras que teñen como misión dirixir e repartir de xeito equilibrado a vexetación no espazo aéreo, de xeito que as follas sexan receptoras da maior iluminación posible ao longo do día, para así optimizar a fotosíntese do azucre. O despunte e a súa intensidade dependerá do estado de vigor de cada planta. Eu teño visto algunhas plantas moi velliñas ás que compriría porlles follas se fose posible. A outras, novas e vigorosas ou recén estercadas sí que faría falta quitarlles algo. A vexetación debe estar ben ordenada, para mellor recepción da luz. Se hai vizo, que se manifesta nunha sebe moi tupida, cun exceso de zonas escuras onde a luz chega malamente, entón compre tirar algunhas netas para facela mais permeable, non só á claridade, senón tamén á ventilación. Non creo que sexa o caso das túas cepas, porque con 80 anos o vigor acostuma a diminuír moito. Outro asunto é o das puntas que caen cara as beiras e dan sombra á vexetación que está por baixo. Neste caso a solución tradicional do Ribeiro é guiar a rama polas estacas arriba, dándolle as reviravoltas necesarias, evitando cortar. Noutras zonas si que hai costume de cortar as puntas para airear e facilitar o paso. O despunte con moderación non e prexudicial para a videira. Tes que procurar que a parte despuntada represente unha porcentaxe pequena en relación coa lonxitude da vide. Estou a falar de vides normais, non de ladróns ou chupóns, que non sendo en circunstancias nas que se precisen para refacer a cepa, deben ser eliminados. Resumindo, ordenar e despuntar cando sexa necesario para evitar sombras excesivas ou dificultades de tránsito pola viña.Hai un despunte que se fai na floración en casos de castes que teñen tendencia a “tirar co froito” (e o que os viticultores chaman esmoedura, esfarrapado ou desaviño). Con este pinzado das puntas provócase un freo momentáneo na savia, que ao ter o camiño cortado nas puntas, diríxese aos acios que están na parte baixa dos pámpanos, que deste xeito son mellor alimentados. Este problema pasa moito en uva de mesa. Non se debe confundir o desaviño por desequilibrio de vigor, falta de boro ou calquera outra circunstancia intrínseca da cepa, co provocado por culpa de choivas continuas e/ou ventos fríos coincidentes co período da floración.O momento máis axeitado de facer monda de acios ven sendo arredor do pintor. De facelo moi cedo pódese producir un fenómeno de compensación, ou sexa que os bagos de cada acio que se deixou ficar van engrosar máis, e isto ten dous inconvenientes. O primeiro que a colleita vai ser maior da esperada. E o segundo, que ao engrosaren os bagos, diminúe a relación superficie de pel/volume de polpa, factor este de calidade.

A monda de acios debería ser algo excepcional. Cada quen deberá buscar o equilibrio que lle conviñer de acordo coa viticultura que pretenda facer. Explícome, non tería sentido estercar abundantemente ano tras ano para despois deixar estrado un carro de acios pola viña. Precisamente por isto é bo mondar no pintor, porque nesa altura as xemas latentes e os rudimentos de acios que hai dentro delas xa estarán preformados e sen posibilidade de modificación. De mondar moi cedo, aparte dos inconvintes que rematamos de citar, habería outro máis, o da indución hormonal a “prefabricar” máis rudimentos de acios dentro das xemas, ou sexa inducir a máis colleita para o ano seguinte. Sería un circuíto absurdo no que non se debe caer.

O cobre é un produto de reacción alcalina?

O caldo bordelés de preparación manual pode ser incompatible con moitas materias activas posto que non é posible realizar o proceso de neutralización do sulfato de cobre con cal de forma óptima aínda que se siga o proceso con papel indicador de fenoftaleína ou tornasol. Ao reaccionar a cal de forma moi lenta, sempre queda certa cantidade que sigue reaccionando e pode elevar o pH ata valores moi altos, o que fai incompatible en calquera mestura con produtos orgánicos.Normalmente cando se menciona a incompatibilidade de mestura do caldo bordelés, faise referencia a unha incompatibilidade de produtos de reacción alcalina, por esta problemática que posúe o caldo bordelés de preparación manual.O caldo bordelés Valles está neutralizado a pH 7 e pode mesturarse practicamente con todas as materias activas do mercado coas que se mesturan os demais produtos cúpricos, non englobándose na categoría de produtos de reacción alcalina ao ser perfectamente neutro. (Fonte: Industrias Químicas Valles)

O mildiu larvado en bagos é unha contaminación secundaria?

No ciclo do mildiu pódense diferenciar dúas etapas en función de se a infección a produce as zooesporas que proveñen da oospora invernante (infección primaria) ou de zooespora dos conidios.Afecta a distintos órganos da vide: os brotes mozos, as inflorescencias e os bagos. Cando infecta os bagos ao alcanzaren o tamaño dun chícharo, coñecese como mildiu larvado. Esta infección é o resultado da penetración de zooesporas que veñen de conidios polo que se considera unha infección secundaria, se ben neste caso non chega para producir esporulación polo que non é frecuente ollar a pelusiña blanquecina por fóra do acio.

A esporulación no mildiu, pódese dar igual aínda que non se desenrole no envés da folla esa mancha branca?

A pregunta pode ter varias respostas. Se nos referimos ao momento en que viches a mancha, se non había valor branco no revés da folla, non podía haber esporas, ou sexa a resposta é que non estaba a esporular.Vouche facer comparación cun fungo superior, cun cogomelo. Unha lepiota (que creo que pola túa zona lle chamades cerrota), ten o micelio (falsas raíces) no solo, onde se alimenta da materia orgánica alí acumulada. Cando se dan as condicións axeitadas, xeralmente no outono, chégalle a hora de multiplicarse. Emerxen os cogomelos e cando os sombreiros abren, da súa parte inferior, das láminas no caso da cerrota, despréndense as esporas, que darán lugar á expansión dese saboroso fungo. Cando as condicións non se dan, por comezar o outono seco, a cerrota espera a que lle veña o tempo propicio para emitir os órganos de multiplicación. Isto pasa con todas as setas.A cerrota vive da materia orgánica do solo. O mildiu é parásito dos órganos verdes da videira. Hai outros mildius, como por exemplo o das solanáceas (pataca, tomate, etc.). O mildiu é un fungo endoparasito, ou sexa que penetra na folla (e tamén nos acios e nos pámpanos en canto están tenros e verdes) a través dos estomas, eses buratiños que se parecen a unhas botoeiras (ojales en castellano) polas que a folla fai os seus intercambios co exterior.

 

Este fungo consérvase dun ano para outro no chan, nas follas caídas (oospora ou ovo de inverno). Cando se dan as condicións adecuadas a oospora actívase, emite esporanxios, que cando alcanzan algunha folla grazas o rebote dunha gota de choiva ou impulsados polo vento, pasan ao seu interior a través dos estomas, desenvolvéndose o micelio. Se a humidade que propiciou a contaminación continúa, emite ao exterior, a través dos estomas, os órganos de multiplicación. Estes son os esporanxióforos en forma de árbore, nas puntas de cuxas falsas ramas están unhas boliñas que son os esporanxios. Estas boliñas son dispersadas polo vento e se todo vai ben para o fungo, ou sexa choivas e alta humidade ambiental, coa folla e demais órganos verdes da cepa mollados, ao pousaren teñen o camiño aberto para as infestacións dos novos hóspedes mediante as zoosporas emitidas polos esporanxios (infestación secundaria).
Entón, resumindo, se unha cerrota non bota sombreiro non vai haber diseminación de esporas.

Se, referidos á folla, o mildiu non bota esporanxióforos e esporanxios (ese valor branco que apreciamos a simple vista no revés ) non hai esporas, e por tanto non pode haber diseminación desde aí. Isto é certo se nos atemos ao momento en que observamos esa folla. Eu entendo que viches unha “mancha de aceite” na parte superior da folla, que ao darlle a volta non se correspondía cun valor branco senón como moito cun ton moreno.

A presenza da mancha de aceite quere dicir que nalgún momento o fungo penetrou. Puido darse o caso de que un tratamento atallase a expansión do fungo, pero isto non garante que o micelio estea eliminado de todo. Sería bo observar a mancha cunha lupa de 100 aumentos para ver se hai restos de esporanxios ou non. Caso de que si, fixarse se queda algún activo (branco).

Tamén puido acontecer que por causa destes días quentes e secos que estamos a gozar, o micelio aprazase a esporulación para mellor ocasión, ou sexa que nesta altura estea en espera (o que se coñece como mildiu larvado). Nestes días a videira está a purgar, hai castes que xa remataron, dependendo da zona.
As predicións do tempo non dan choivas , aínda que si algunhas treboadas locais, para este período tan delicado. Se chove, canto máis de cara a Xullo mellor.

Non sei cantas manchas che apareceron, pero eu coñezo algo esa zona e agás nalgunhas viñas que estean en fondais ou en situacións pouco ventiladas, onde a humidade se manteña por máis tempo, nas demais o mildiu non debería dar demasiados problemas tendo un mínimo control. Compre estar atentos ao tempo, porque até entrado Xullo os bagos son sensibles a entrada deste fungo. Despois ao iren endurecendo xa é mais difícil que o mildiu actúe, non sendo que o teñan dentro, larvado.

Cando un exceso de vigor provoca unha vexetación moi tupida, pode acontecer que ao tratar non se consigan mollar todas as follas. Entón, nas que non foron protexidas , se o tempo o propicia poden aparecer algunhas manchas, que segundo as condicións climatolóxicas que vaian xurdindo, poderán ter diferente evolución. É pois importante dispor de maquinaria de tratamentos adaptada ás características da viña. Nas vosas costas non debería ser frecuente o exceso de vizo nas cepas, polo menos no que teño visto.

Aclarar finalmente que nunha viña existen períodos nos que se poden sobrepoñer as infestacións primarias e as secundarias, ou sexa contaminación de solo a folla simultánea a de folla a folla.

Cando debo empregar o anhídrido sulfuroso?

Normalmente en tres ocasións: Antes da fermentación; cando se require a conservación dos viños, ou na crianza e/ou transporte, e denantes do embotellado.

Cáles son as doses de anhídrido sulfuroso necesarias para a conservación do meu viño?

Normalmente para os viños brancos as cantidades oscilan entre 25 e 35 mg/L de sulfuroso libre; namentres que nos viños tintos o abano vai dos 20 aos 30 mg/L de sulfuroso libre.

De qué forma podo utilizar o anhídrido sulfuroso?

Existen varias posibilidades:

  • Combustión de xofre
  • Gas licuado en balas ou botellas a presión
  • Solución acuosa
  • Estado sólido mediante o emprego de sales.

Debo facer o desfangado nos viños brancos?

Si,a eliminación dos fangos (lamas)ou turbios presenta moitas vantaxes na calidade do viño elaborado. De todos modos é aconsellableconservar unha certa cantidade xa que os mostos excesivamente desfangados teñen algúns inconvenientes.Os viños que proceden de mostos desfangados teñen menos sabores vexetais,herbáceos e amargos.Son mais aromáticos e menos propensos a oxidacións.

É interesante sementar lévedos na elaboración de viños?

Para maior seguridade na fermentación aconséllase facer un pé de cuba con lévedos autóctonos ou empregar lévedos secos activos(LSA), máis cómodos para o manexo e con resultados máis fiables.A dose normal é de 10 a 20 gr/Hl.Case todos os lévedos que se utilizan son das especiesSaccharomycescerevisaeouSaccharomycesbayanus. No caso dos viños galegos debemos utilizar lévedos que manteñan a tipicidade das nosas viníferas.

Quería plantar a variedade Godello cerca de Celanova, iría ben?

Deberíasme concretar máis sobre algunhas características da parcela onde queres plantar: altitude á que está, orientación e pendente, se ten boa protección do Norte, ventilación do lugar e tipo de solo e grao de secura no verán.

O Godello é unha caste que agroma cedo e madurece bastante cedo tamén. Ten moito vigor. É sensible á podre do acio. Non coñezo as peculiaridades mesoclimáticas da túa parcela, pero o que sabemos é que na túa comarca chove máis que en Valdeorras ou en Monterrei.Por tanto cumpriría unha parcela abrigosa e ventilada ao mesmo tempo, cun solo máis ben pobre e seco no verán para que esta caste che poida ir ben.

Pola altitude en principio hai menos problema, porque madurece cedo e o normal é que lle dea tempo a completar o ciclo. O problema pode estar nas choivas que veñen no setembro, que nos anos en que son persistentes, axudan a que a podre se vaia apoderando dos acios.

Se o sitio onde tes idea de plantar se aproxima a estas características, pois ánimo. Se che é posible, mándame as coordenadas da parcela para ver que impresión me dá no Sixpac.

Plantei unha viña de Treixadura e saíronme 23 plantas de Mencía no medio. Pódense volver a enxertar?. Coñecen vostedes a alguén que o poida facer?

Claro que se poden reenxertar. Non me dis en que ano plantaches. Supoño que me estás a falar de planta nova. Se as cepas de Mencía están boas de vigor, poderías reenxertalas xa. Se algunhas aínda están fracas, é mellor agardar un ano, agardando a que as raíces se instalen ben no solo e as plantas gañen forza.

Lamentablemente estas confusións son máis frecuentes do que deberan. No teu caso é máis grave, por estar mesturado tinto no medio do branco. Deberás aclarar ben se o problema foi teu ou do viveirista que te subministrou a planta.

Neste centro coñecemos algúns enxertadores. Se non atopas ningún profesional na túa zona, nós darémosche a dirección dos que coñecemos. Para cando pretendas reenxertar, deberás ter conservadas as varas necesarias para facer as pugas (ou escudetes, dependendo do método e da época en que se opere). As veces os enxertadores profesionais reservan algún material de máis para os novos clientes que lles poidan xurdir no ano. Terás que falar co que che veña facer o traballo para tratar destes pormenores.

Cal é a mellor poda, a de cotón ou a de vara?

Supoño que te referirás ás videiras dispostas en espaldeira vertical e guiadas por arames. As formacións mais común son:

-Os cordóns con poda a cotóns, en formacións uni ou bilaterais.

-Os guyots, con poda a cotón e vara, en formacións que igualmente poden ser uni ou bilaterais. Nalgunhaszonas, no canto de guyots podan avaras arqueadas, deixando cotóns só cando os brazos se alongan de máis.

Simplificando, hai conducións en espaldeiracon podas curtas e conducións con podas longas.Ambas as dúas poden ir ben. Normalmente acéptase que as conducións con varas producen máis que as que só portan cotóns, pero non sempre é certo.

Nos cordóns de cotóns o froito acostuma a estar mellor repartido que nos sistemas a varas, principalmente cando a estas se lles dá un forte arqueado.Habendo igualdade de condicións no resto do deseño, isto é así, pero hai que considerar que existen outros factores, como a fertilidade do terreo e os marcos de plantación, que teñen grande incidencia na carga produtiva e por tanto na distribución e na aireación do froito en cada planta.

Non fas mención a variedades, nin se a plantación está instalada ou se aínda a tes en proxecto. É importante que o aclares, porque se non tes o deseño de plantación, á vista das peculiaridades da zona e da parcela e das castes que che interesen sería bo termos un diálogo sobre as mellores opcións.

Teño unha viña con moi mal acceso e quero substituír o esterco por abono mineral, é factible?

Os estercos aportan undeterminado nivel de nutrientes á terra que vai depender da especie animal de procedencia e do tipo e da porcentaxe de cama (estrume) engadido. Pero este aporte, sendo útil, non é o seu único beneficio.O esterco estimula a actividade biolóxica e equilibra a estrutura dos solos, alixeira os barrentos e fortalece os areosos.

Mellorar a estrutura quere dicir reorganizar o solo en grumos, ficando unha distribución harmonizada entre a parte sólida, o aire e a auga. Un espazo apto para a vida. As raíces agradéceno, esténdense mellor e as enfermidades atopan mais atrancos para expandirse.

Os fertilizantes minerais aportan nutrientes, que son necesarios para a planta, pero non melloran a estrutura do solo; máis ben ao contrario cando se abusa deles. Ante un solo moi mineralizado o aporte de materia orgánica é necesario. A falta de esterco nos comercios agrícolas podemos atopar humus en sacos, máis fácil de transportar, pero máis caro. Outra forma de aportar materia orgánica é sementar no outono un cereal mesturado cunha leguminosa que se enterrará na primavera seguinte, antes de estorbar á agromada nova. Aínda que non coa efectividade dun bo esterco, a repetición desta sementeira en varios outonos vai ter efectos positivos sobre a estrutura do solo. Faría falta que puideses acceder cando menos cunha cavadora ou unha pequena oruga para poder enterrar o verde á maior fondura posible.

Se non tes dispoñibles analíticas recentes do solo da viñas, deberas tomar mostras e mandalas facer para controlar o estado xeral, en especial o nivel de materia orgánica. Se aínda é razoable, a viña podería “aguantar” algún ano máis aportándolle só abono mineral, apoiado con emendas calizas ou calizomagnesianas, se for preciso. Se por contra xa está moi mineralizado terías que repoñer materia orgánica xa.

O servizos de avisos contra o mildeu son útiles?.

Claro que si, a información sempre é boa. Cousa ben distinta é o proveito que cadaquén poida sacar desa información, que será maior cando se cumpran dúas condicións. A primeira, que entre as estacións meteorolóxicas que integran a rede haxa algunhas situadas en terreos de condicións semellantes ás túas parcelas.A segunda, que nos momentos en que recomenden tratar, teñas a disposición os medios necesarios, materiais e humanos, para aplicar axiña os funxicidas a todas as viñas da túa propiedade.

Se estás limitado nunha ou nas dúas condicións anteriores, entón imponse a prudencia.Prudencia que che vai supor posiblemente empregar tempo e diñeiro en dar algún tratamento de máis, pero que che asegurará a colleita.

Cada vez é maior a proporción de xente que vive fóra das aldeas, ou sexa lonxe das súas viñas. Dentro dos que ficaron, hai moitos que teñen outro oficio. Isto limita as horas dispoñibles ás fins de semana e pouco máis. Con este panorama, é difícil seguir rigorosamente as indicacións dos servizos de avisos, o que non exclúe a recomendación de escoitalas atentamente e adaptarse a elas dentro do que cada un poida segundo as súas circunstancias.

Tampouco se deberá caer na rutina de tratar a intervalos fixos. O mildeu con tempo quente e húmido acelera o seu ciclo e con tempo frío ralentízase. Primavera calorosa e húmida quere dicir tamén que a vexetación medra máis rápido, esvaendo antes a acción protectora dos funxicidas.

Entrados en xullo, agás en anos raros, o tempo vaise tornando máis seco e os tratamentos vanse espazando. Os acios e as follas enduran e o perigo de ataques de mildeu redúcese ás puntas e ás netas.

Considerando todo o anterior e as túas dispoñibilidades de acción, agardo que che sirva para establecer unha estratexiaad hoce, en función dela, escollas o tipo de funxicidas que mellor se adapte á defensa da túa viña nese período delicado que vai desde a agromada até o mes de xullo.

Quero plantar Albariño na ribeira de Chantada, terei que poñelo en parra?

Antes de contestar a túa pregunta, déboche aclarar que o Albariño é unha caste que agroma moi cedo. Coñezo a túa ribeira, e ten sitios moi ben agarimados do Norte. Supoño que será nalgún deles onde tes pensado plantar. Non te recomendo que o fagas en parcelas abertas ao Norte (aínda que co cambio climático non se sabe o que vai pasar dentro dunhas décadas).

Experiencias co Albariño en terras do interior demostraron que se comporta ben en espaldeira vertical, conducido a cordón de cotóns ou ben a cordón mixto, isto é con alternancias de cotón e cotón-palleta nos puntos produtivos dos brazos (a palleta vén sendo unha mini-vara, de tres ou catro xemas francas). Tamén o podes instalar en parra como nas Rías Baixas. Por outra banda tes a experiencia de Abadía da Cova, cunha plantación en parral que xa ten bastantes anos, e creo que lles ten ido ben.

Se o que pensas é recuperar vellos socalcos, dunha ou dúas filas como máximo, como é bastante frecuente por aí, entón a parra sería complicada de instalar e de tratar, polo que te recomendaría plantar en espaldeira. Isto non é incompatible con que poñas parra nalgún borde ou descanso ou aproveitando para sombrear a cabana de abrigo, se é que existe na parcela.

En todo caso podes visitar cando queiras os campos de ensaio con esta caste que temos no noso Centro en San Clodio (Leiro-Ourense).

Teño unha plantación de 7.000 m2 de Sousón, Brancellao, Caiño Longo e outras castes tintas. Con que produción por hectárea podo sacar o mellor viño?

É unha pregunta que tal e como ma fas non ten contestación única. Só podo darche unhas ideas.

O mellor viño entendido para quen? Parati ou para un determinado comprador? 7.000 m2 queren dicir que non son só para consumo familiar, que se vai vender unha parte da produción, sexa uva ou sexa viño.

Relativo á parte que vendes, supoñendo que sexa viño, queé o que te demanda o comprador? Un viño fresco, aromático, moderado de grado, ou un viño máis forte, encorpado, un viño de garda? Cadansúa opción implica dous modos de facer viticultura.

Os viños de garda requiren unha determinada viticultura con vistas a rendementos moderados para ter unha uva máis “concentrada”. Non tería sentido ir a viños de garda fertilizando xenerosamente, para provocar uns rendementos elevados, e logo no pintor ter que facer mondas radicais, botando abaixo o 60% dos acios ou máis. Pouco lograríamos, porque os bagos dos acios que queden engrosarían de máis e o efecto sería contraproducente.

Hai viñas máis axeitadas para producir viños lixeiros e outras que o son para viños de garda, aínda que tamén pode haber algunhas adaptadas a ambas as dúas modalidades mediante cambios no manexo. Orografía, solos, mesoclima, en fin osterroirsvan delimitar as opcións.

Sería bo que tivésemos unha conversa posterior na que me expliques os teus obxectivos e así poder darche unha mellor resposta.

Son mellores as viñas anchas de dous metros ou máis, ou as estreitas de metro a metro e medio?

Cada lugar ten a súa tradición, reflexo dunha aprendizaxe milenaria. En toda a Galiza, agás nas Rías Baixas, onde domina o cultivo en parra, as viñas tradicionais estaban dispostas en filas estreitas, cun compás entre cinco e sete cuartas, formadas en distintos tipos de vaso segundo as zonas.Estas formacións fóronse transformando paulatinamente en espaldeiras verticais. Alí onde puido chegar o tractor, moitas viñas novas plantáronse en filas anchas, de 2 m ou máis. Isto evidentemente é moi bo para o paso da maquinaria, pero non ten por que ser o óptimo para o equilibrio da plantación, especialmente cando as parcelas teñen un certo nivel de lentura e fertilidade.

O que pasou foi que por causa da mecanización, alí onde puido entrar o tractor as filas ancheáronse moito respecto ao tradicional, pasando de pouco máis dun metro a dous metros ou máis. Por tanto é bo que as filas se estreiten o máis posible até onde o permita a maquinaria dispoñible.

É mellor que nunha viña haxa máis cepas, a filas estreitas, na procura de que teñan pouco vigor e poucos acios por planta, antes que menos cepas en filas anchas, porque van ter máis vizo.

Cada vez hai tractores máis estreitos e potentes. Hainos que se moven ben en filas de 1,70 ou 1, 80 m. As pequenas orugasmulti-función son adaptables a moitas viñas tradicionais, e son útiles alí onde o tractor non pode acceder.

En Francia crearon os tractores zancudos, que se foron innovando de tal xeito que na actualidade hai modelos que poden traballar mesmo en viñas con certa pendente. Deseñados para traballar coas filas estreitas tradicionais, tal vez se comecen a ver dentro duns anos nalgunhas viñas galegas.