Danos producidos pola saraiba en determinadas zonas da D.O. Ribeiro, e recomendacións de medidas de protección da colleita


02/09/2021

O 31 agosto produciuse unha forte saraiba nalgunhas zonas do Ribeiro, o que danou os bagos e acios do viñedo no momento previo ao comezo da colleita prevista nas próximas datas. Tanto follas como sobre todo os acios racharon como se mostra na imaxe

Ademais dos danos directos producidos, agora o principal risco é a evolución da podremia gris (Botrytis cinerea Pers), xa que as mazaduras e rachaduras producidas son unha vía de fácil entrada da enfermidade nos acios. Ademais, hai que ter en conta que se prevén precipitacións nas próximas datas, moi favorables para a evolución da podremia. 

Polo tanto, é preciso adoptar medidas preventivas coa aplicación de preparados de control fitosanitarios para previr e frear, no posible, a evolución dos danos nos acios sen que afecte a hixiene da colleita.

Recomendacións a adoptar en función da data prevista para a realización da vendima:

  • Os viñedos coa maduración máis adiantada, que teñen prevista a colleita de forma inminente nos próximos días -ata o 5 de setembro- non se recomenda a aplicación de ningún preparado de control fitosanitario.
  • Os viñedos que teñen previsto o comezo da vendima en datas posteriores ó 5 de setembro ata mediados de mes, recoméndase a aplicación dun dos seguintes bioprodutos ecolóxicos coas condicións de emprego seguintes:

 

Principios activos

Produto

Dose - ha

Prazo de seguridade

Aureobasidium pullulans DSM 14940 *

Botector, BIO-FERM

1 kg

NP - 0 días

Bacillus amyloliquefaciens (cepa FZB24)

Taegro, Syngenta

0,18-0,37 kg

1 día

Pythium oligandrum (cepa M1)

Polyversum, Agrichem

0,1-0,3 kg

NP - 0 días

Bacillus subtilis (cepa QST 713)

Serenade Aso, Bayer

2,5-4 kg

3 días

Eugenol + Geraniol + Timol

Araw, Sipcam

1,6 – 4 l

7 días

Carbonato de Hidrógeno de Potasio

Armicarb, Certis

5 kg

NP - 0 días

*Aureobasidium pullulans tamén posúe efecto protector-cicatrizante en feridas.

  • Os viñedos que teñen previsto o comezo da vendima na segunda quincena de setembro e respectando o prazo de seguridade especificado, recoméndase a aplicación dun dos seguintes fitosanitarios autorizados

 

Principios activos

Produto

Dose - ha

Prazo de seguridade

Ciprodinil

Varios

1,25 l

21 días

Ciprodinil + Fludioxinil

Swich, Syngenta

0,6 - 1 kg

21 día

Fenhexamida

Teldor, Bayer

1 kg

14 días

Fenpirazamina

Prolectus, Kenogard

1 – 1,2 kg

14 días

Mepanipirim

Frupica, Sipcam; Japica,Chemical E.

1 kg

21 días

Tebuconazol

Varios

0,5 kg

21 días

 

  • Os viñedos nos que polos fortes danos producidos pola saraiba na colleita xa non realizan a vendima, recoméndase a aplicación de folpet ou cobre máis aminoácidos para mellorar a sanidade da planta e recuperar reservas cara a seguinte campaña vitícola.

En xeral, sublíñase que compre unha boa selección manual dos acios no momento da vendima, de xeito que só  se recollan acios ou partes destes sans, sen podremias ou mofos, xa que prexudicarían a calidade do viño na súa posterior vinificación.

>> Descargar recomendacións