INFORME FITOSANITARIO: Aparición das primeiras mostras de enfermidades no viñedo (22 de abril do 2020)


23/04/2020

Debido ao rexistro de precipitacións nas últimas datas, algunhas con carácter tormentoso, e ante a previsión dunha nova inestabilidade atmosférica cara á vindeira semana, é previsible un reponte das enfermidades no viñedo.

Segundo as zonas e variedades, os estados fenolóxicos medios están entre o E (acios visibles) e o F (acios separados). Estes estadios son xa sensibles a todas as enfermidades endémicas cando se alcanzan as condicións de humidade, precipitacións e temperaturas, como no momento actual.

Deberase ter en conta que en primavera, aínda que normalmente no se producen as condicións máis severas para producir danos polas enfermidades endémicas, se non se controlan de forma oportuna neste período estas fontes de inoculo adoitan ser moi importantes para explosións posteriores das enfermidades, cando se dean as condicións aínda máis favorables ao longo da campaña.

As principais enfermidades das que se debe realizar o seguimento fitosanitario no momento actual son:

  • Roña negra da vide (Black rot)

Comeza a producir os primeiros danos nas follas, observouse en Ribeira Sacra e Ribeiro, con manchas de cor marrón, ben delimitadas de forma poligonal, rodeada dunha banda escura. É moi característico dentro da mancha un anel de puntos negros que aparecen aos poucos días: son os picnidios nos que se albergan as esporas contaminantes das futuras infestacións en follas, acios e gromos.

Nas zonas onde é endémica esta enfermidade, principalmente nas denominacións de orixe do interior de Galicia, recoméndase aplicar este tratamento, aínda que non se detectase ata o momento na parcela, xa que as condicións están sendo moi propicias para as infeccións e desenvolvemento do fungo.

  • Mildiu (Plasmopara vitícola Berl. e de Toni)

Producidas xa as infeccións primarias sobre todo en Rías Baixas, é nestes últimos días no Ribeiro, o rexistro de precipitacións intercalados con períodos de calor, tamén están propiciando condicións moi favorables para o fungo. Deberase manter, polo tanto, o control fitosanitario da enfermidade.

  • A podremia gris (Botrytis cinerea Pers.)

Estanse a rexistrar danos, aínda que de momento son de escasa consideración xa que apeas repercuten en algunha folla illada. O efecto complementario de funxicidas para o control de Mildiu ou Black rot debe ser suficiente neste intre.

Síntomas detectados das enfermidades na actualidade:
 

enfermidades vide