A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), presentou na Casa Grande Viloira do Barco de Valdeorras as publicacións denominadas Os Actúa do Issga, un documento no que, de forma sinxela e visual, os traballadores do sector poden identificar os lugares e as tarefas habituais para eles, así como os equipos e máquinas que empregan a diario co fin de coñecer e evitar os riscos laborais aos que se enfrontan a diario.
Esta iniciativa vai dirixida a este sector vitivinícola, que se atopa diseminado ao longo das catro provincias galegas, con 5 denominacións de orixe protexidas e os seus respectivos consellos reguladores, e que ten especial relevancia na zona de Valdeorras.
O sector vitivinícola galego é un colectivo sometido a riscos por canto os seus traballadores están expostos a circunstancias de diversa índole, asociadas tanto ás formas tradicionais de produción, coma ás formas de traballo derivadas das importantes innovacións tecnolóxicas, que se teñen producido no sector, e que poden ser causa potencial de accidentes ou de enfermidades profesionais.
No documento Os Actúa do Issga, Prevención de riscos en adegas recóllense os principais riscos e medidas preventivas asociadas aos traballos en adegas, que comprenden desde a recepción da uva na vendima, ata a saída do viño da adega. Así mesmo, recolle os riscos relativos á seguridade dos lugares de traballo e dos equipos, así como os riscos do ambiente de traballo, o uso seguro de substancias e mesturas e a manipulación manual de cargas.
Pola súa parte, no Actúa do Issga, Prevención de riscos en viñas inclúense os riscos máis habituais nas tarefas realizadas nas viñas, desde a preparación do terreo á recolleita da uva.
Por último, o documento Actúa do Issga, Prevención de riscos na vendima está dedicado aos riscos durante os traballos da recollida da uva, o momento do proceso produtivo onde máis número de traballadores conflúen simultaneamente.
O obxectivo final desta actuación da Xunta é facer facilmente accesibles e comprensibles para os traballadores este tipo de riscos e as medidas preventivas que se poden tomar.
A Evega pon ao seu dispor os tres manuais editados polo Issga: