A EVEGA foi unha das grandes protagonistas do VII Salón Vinis Terrae de EXPOURENSE

  • Este centro de investigación e servizos, dependente da Consellería do Medio Rural, desenvolveu tres actividades técnicas e dúas catas ademais de asesorar no túnel do viño
  • Contou cun ‘stand’ propio, o Espazo EVEGA, a modo de exposición permanente no que os visitantes puideron coñecer máis de preto os seus traballos e funcións
  • Foi distinguida cunha medalla de ouro pala súa colaboración e participación activa neste Salón.

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) estivo presente no VII Salón do viño e licores galegos de calidade Vinis Terrae, que se celebrou os días 3 e 4 de abril no recinto feiral Expourense. Este centro dependente da Consellería do Medio Rural desenvolveu un extenso programa de actividades que incluíu a presentación de traballos técnicos e catas comentadas, en colaboración coa Asociación Galega de Enólogos (AGE), ademais de ofrecer asesoramento no túnel do viño.

A estación dispuxo dun posto propioo espazo Evega, cunha exposición permanente onde o visitante puido achegarse un pouco máis a este centro de investigación e coñecer máis de preto as súas funcións, os servizos que presta ao sector vitivinícola galego así como consultar vídeos formativos e varias das publicacións científicas máis sobranceiras

Respecto á cata de viños, foron tres, unha sobre monovarietais de tintos galegos; outra sobre os viños brancos premiados cos premios ouro no I Certame internacional de blancos galegos celebrado o pasado mes de novembro en Ourense, de xeito paralelo ao Concurso Internacional Tempranillos ao Mundo. En derradeiro lugar desenvolveron a cata de brancos galegos premiados co acio de ouro na XXVII Cata de iños de Galicia 2016. As catas realizaráronse da man de AGE, entidade coa que se colabora habitualmente en distintas actividades ao longo do ano.

Entre os actos destacaron tamén a presentación do proxecto Wetwine, que levou a cabo o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingalcal) no espazo Evega. Este programa de cooperación transnacional pretende promover a conservación e a protección do patrimonio natural do sector vitivinícola en rexións similares do sudoeste europeo.

 

Presentacións

Así mesmo, a Evega presentou varios traballos técnicos desenvolvidos durante os derradeiros anos como o monográfico Anxélica, o sabor da tradición, que tenta recuperar a memoria da tradición a través de estudar un licor popular na zona do Ribeiro elaborado coma subproduto do viño tostado.

Tamén deron a coñecer o programa de recuperación de variedades tradicionais, complementario ao labor de conservación de variedades autóctonas ou de cultivo tradicional en Galicia que desenvolve a estación para caracterizar, estudar e avaliar o potencial vitivinícola de variedades como paso previo á súa inscrición no rexistro de variedades comerciais do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e posterior uso con fins comerciais. En concreto, durante o Vinis Terrae a Evega presentou os resultados obtidos para a variedade bautizada como albilla do Avia, hoxe xa en fase de rexistro, así como o inicio dos traballos con outras como a zamarrica de Monterrei e o coñecido como albariño tinto, cultivado no Salnés. Estas tres variedades teñen a peculiaridade de que non se atopan en ningún outro lugar de España. Contémplase ademais, a inclusión neste programa doutras variedades como a tinta amarela, a monstruosa e a trincadeira, as tres cultivadas na zona de Monterrei.

Por último, a estación presentou as conclusións do estudo de investigación sobre o comportamento agronómico de variedades autóctonas e a diversidade da poboación de fermentos en viñedo ecolóxico e convencional no que a Evega traballou en 2013 e 2015 co financiamento do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) e do FEDER.

 

Balance

Xa na anterior edición, a Evega participou neste salón do viño e aproveitou para presentar a súa web, unha ferramenta concibida coma un centro virtual no que o visitante pode descargar traballos, consultar vídeos e informarse sobre as actividades formativas organizadas polo centro. Durante os derradeiros doce meses a plataforma tivo preto das 18.000 visitas.