Manuel Baltar clausura as xornadas técnicas “Os viños doces. Innovación en procesos e tecnoloxías”

  • Esta actividade celebrada na Casa da Cultura de Ribadavia, tiña como obxectivo o coñecemento dos viños doces naturais e as novidades e tendencias en procesos e tecnoloxías
  • Manuel Baltar destacou na clausura que é “salientable a labor que realiza EVEGA para potenciar a loita pola calidade e polo futuro do sector vitivinícola”.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou na clausura esta mañá, das xornadas técnicas “Os viños doces. Innovación en procesos e tecnoloxías”, que organiza a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, que tivo lugar na casa da Cultura de Ribadavia. No acto tamén participaron o director da EVEGA, Juan Manuel Casares; o xefe territorial da Consellería de Medio Rural en Ourense, Yago Borrajo; e o presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Felicísimo Pereira.

Manuel Baltar destacou que “como funcionario da Consellería de Medio Rural coñezo desde hai moitos anos a situación do sector en Ourense”, e engadiu, “é salientable calquera cuestión que xurda dun centro como EVEGA que se caracteriza nos últimos tempos por unha actividade que busca potenciar a loita pola calidade, e sobre todo, o futuro dun sector tan importante como é o vitivinícola con esas catro denominacións de orixe, unha delas, compartida coa provincia de Lugo”.

O presidente da Deputación de Ourense lembrou que nos últimos tempos “temos en marcha un proceso de colaboración, concretado numericamente, nun apoio aos catro Consellos Reguladores da provincia”, e engadiu, “tamén se vai a concretar, nos próximos tempos, nunha colaboración específica coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, e de Galicia tamén ten a condición do futuro Museo do Viño, que terá a súa sede no Concello de Ribadavia”. Manuel Baltar desexou que a 43ª edición da Feira do Viño que comeza mañá sexa todo un éxito.

A xornada, que contou con 145 inscritos, celebrouse hoxe na Casa da Cultura de Ribadavia, na que se abordaron, a través de relatorios, distintos temas relacionados coa viticultura (viños doces naturais, os viños xenerosos andaluces, o tostado do Ribeiro, os viños licorosos de Portugal, entre outras cuestións).

Este curso é “para potenciar os viños doces e, é importante recoller o testigo da xente que estivo aquí, e seguir a potenciar o viño doce do Ribeiro”, sinalou Felicísimo Pereira.

Pola súa banda, Yago Borrajo felicitou a EVEGA por realizar este tipo de actividades formativas e polo éxito das mesmas.

Asemade tivo lugar unha mesa redonda na que participaron todos os relatores e na que actuou como moderador, Alfonso Losada Quiroga, o xefe de sección de Enoloxía da EVEGA. Tras o acto de clausura realizaron unha cata e degustación de viños doces, que xunto coa mesa redonda, incidirán máis no coñecemento deste tipo de elaboracións tan específicas que poden achegar un valor engadido para os viticultores e adegueiros.

O obxectivo desta actividade é o coñecemento dos viños doces naturais así como as novidades e tendencias en procesos e tecnoloxías. A experiencia do Ribeiro coa recuperación e posta en valor do tostado pode valer para que outras denominacións de orixe vitivinícolas galegas sigan o seu exemplo.

(Fonte: http://www.depourense.es/index.php/actualidade/1786-manuel-baltar-clausu...)