Page 6 - monografico Evega n.9 o viño tostado
P. 6

4

           Introdución histórica

          O Tostado é un viño doce elaborado tradicionalmente en Galicia con uvas parcialmente
          pasificadas a cuberto en condicións naturais.
          As primeiras referencias documentais sobre este viño podémolas atopar na Guía de Galicia,
          de Cesáreo Rivera e Víctor M. Vázquez (1883), onde se cita nas páxinas 223 e 224: “Hai
          ademais neste país o celebérrimo viño Tostado, rico néctar que non ten rival en canto ao
          seu delicado e característico sabor, e ás súas especialísimas propiedades terapéuticas
          como cordial e reconstituínte.” … “Dos viños galegos escolleranse os brancos para os
          mariscos e os peixes. Con pratos doces, tostados, que son viños doces naturais.”











                        Figura 1. Palmarés da Exposición Rexional de Lugo de 1896

          Tamén existen referencias que indican un coñecemento destes viños en séculos anteriores,
          como testemuña o escrito polo historiador Néstor Luján, na súa obra La vida cotidiana en
          el Siglo de Oro (1988), na súa páxina 29 cita: “En canto a Galicia, coñecíanse xa os tostados
          e alternou a súa sona coa do Ribadavia, cidade ilustre co seu coñecido barrio xudeu. Ben
          se sabe o que dixo Tirso deste viño: “Oh, esporas de Ribadavia! Quen para pasar o porto
          de tanta neve vos calzase? Que a falta de tal almilla, tiritando chegoume a alma”.
          En calquera caso, a produción de Tostado sempre foi moi pequena en comparación coa
          dos viños secos, por este motivo as referencias bibliográficas son menores. O que si
          sabemos con certeza é que o Tostado sempre foi considerado un viño prestixioso e de alto
          valor, como así o testemuña Luís Domínguez de Castro, no seu libro Viños, viñas e xentes
          do Ribeiro (1992), que dedica un apartado ao Tostado que titula “O Tostado: o fillo rico”:
          “a cotización do Tostado era moi elevada. Así, en 1910, fronte ás 70 pesetas que custaba
          un moio de viño (128 litros), o Tostado custaba 480 pesetas, é dicir, un 685% máis. Pero
          este prezo víase considerablemente xustificado polo seu rendemento.”









                    Figura 2. Anuncio de viño Tostado (El Pueblo Gallego - maio de 1929)
   1   2   3   4   5   6   7   8   9   10   11