Laboratorio de análises

Laboratorio de análises Laboratorio de análises

O 25 de xullo de 2014, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia escribiu unha nova páxina na súa historia coa consecución, para o seu laboratorio, da Acreditación pola ENAC segundo norma UNE-EN-ISO 17025 rexistrada co número 1107/LE 2142. O cumprimento desta norma é unha garantía da calidade das análises que realizamos. O anexo técnico da acreditación está dispoñible en www.enac.es

Para dar cumprimento ao compromiso de mellora continua dos seus servizos, e tras varias ampliacións, a Evega solicita á ENAC unha nova ampliación do seu alcance de acreditación. A Comisión de Acreditación acorda, en data 09 de abril de 2021, manter e ampliar o alcance da acreditación núm. 1107/LE2142 nos termos que recolle o anexo técnico publicado.

Dito acordo abrangue aos ensaios e técnicas seguintes:

Matriz viños: grao alcohólico volumétrico (método infrarroxo medio, infrarroxo próximo e densimetría electrónica), masa volúmica (densimetría electrónica), extracto seco (densimetría electrónica), pH (método infrarroxo medio e potenciometría), acidez total (método infrarroxo medio e valoración potenciométrica), acidez volátil (método infrarroxo e volumétrico), azucres (método enzimático LISA 200), ácido cítrico (método enzimático), dióxido de xofre libre e total (Fluxo continuo segmentado e valoración) ácido sórbico (cromatografía líquida con detector ultravioleta e espectrofotometría), metanol (cromatografía de gases con detector FID) e acetato de etilo (cromatografía de gases con detector FID.

Matriz viños escumosos: sobrepresión en botella por método manométrico.

Matriz bebidas espirituosas: grao alcohólico volumétrico real (densimetría electrónica) e metanol (cromatografía de gases con detector FID).

Lembramos que o noso laboratorio, se ben xa era recoñecido coma oficial tanto a nivel galego e español como europeo, agora, coa implementación do seu sistema de calidade e sobre todo co recoñecemento continuo pola ENAC, conta co aval oficial a unha forma de traballar eficiente e competitiva e colócanos na liña dos Laboratorios e Estacións Vitivinícolas de España.

O instrumental analítico deste laboratorio permite estudar os principais compostos químicos relacionados coa calidade das uvas, dos viños, das augardentes e a súa seguridade alimentaria.

O traballo do laboratorio intégrase coas demais áreas vitivinícolas xa que coa súa investigación, asentada nas análises físico químicas, achega datos cuantitativos que complementan os resultados obtidos noutras áreas.

A EVEGA participa en programas interlaboratorios, coma o organizado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, para manter a punto as técnicas analíticas que desenvolve, así como o programa BIPEA e outros que mesturan a parte sensorial e analítica como o proxecto ALABE.

O laboratorio da Evega acredítase no Programa de Acreditación “Ensaios Físico-Químicos de Viños (NT-70.05)” na opción “Ensaios para avaliar as características de calidade” que inclúen a comprobación das características de calidade tanto obrigatorias como facultativas dos viños. A acreditación neste programa recóllese nunha nova revisión do Anexo Técnico, publicado por ENAC o día 20 de abril de 2020.

Documentos