- O seu viño foi elixido entre 325 mostras procedentes de Portugal, México, Chile, Arxentina e 19 zonas de produción españolas
- No marco deste concurso internacional celebrouse tamén o Certame de Viños Brancos Galegos, onde as adegas Dolores Fontán Limeres, Bodegas Martín Códax, Amodiño S.L. e Enoturismo Acha S.L. gañaron o Gran Tempranillo de Ouro
A adega galega da Denominación de Orixe Ribeira Sacra ‘Nova Toural S.L.’ recibiu o premio Gran Tempranillo de Ouro 2016, entre outros galardoados, no marco da XI edición do Concurso Internacional de Tempranillos ao Mundo. Este certame celebrouse a semana pasada na cidade de Ourense e nel participaron un total de 325 mostras procedentes de 19 zonas de produción españolas e de Portugal, México, Chile e Arxentina.
Paralelamente, celebrouse tamén o Certame Internacional de Viños Brancos Galegos coa participación dun total de 125 mostras de 89 adegas pertencentes ás cinco denominacións de orixe vinícolas galegas. Así, cabe felicitar ás bodegas Dolores Fontán Limeres (D.O. Rías Baixas), Bodegas Martín Códax (D.O. Rías Baixas), Amodiño S.L. (D.O. Ribeiro) e Enoturismo Acha S.L. (D.O. Rías Baixas) que recibiron o premio Gran Tempranillo de Ouro.
Na categoría de Tempranillo de Ouro, foron elixidas un total de 22 adegas das cales 9 pertencen á D.O. Rías Baixas, 8 á de Ribeiro, 3 á de Monterrei, 1 de Ribeira Sacra e outra adega galardoada que non ten selo de calidade. Por último, na categoría de Tempranillo de Plata, recibiron galardón 34 adegas, das cales 12 son da Denominación de Orixe Rías Baixas, 11 de Ribeiro, 5 de Ribeira Sacra, 4 de Valdeorras e 2 da de Monterrei.
Grazas a este certame, Galicia e a cidade de Ourense, en particular, convertéronse durante 3 días no epicentro do mundo vinícola, onde un panel composto por 30 catadores estiveron valorando os caldos elaborados a partir da variedade de uva tempranillo. Na nosa comunidade, a variedade tinta máis empregada é a mencía, pero o peso do tempranillo tamén é relevante, pois este ano colleitáronse en Galicia un total de 230 toneladas nas denominacións de orixe Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei.
Na seguinte ligazón pódese consultar todos os premiados deste dous certames: http://www.federacionenologos.es/galardonados-tempranillos-al-mundo-2016/