- A conselleira trasladouse esta tarde aos concellos de Monterrei e Oímbra, que son as zonas máis afectadas polas xeadas dos últimos días
- A titular de Medio Rural avanzou que non é posible artellar unha axuda directa por quilo de uva afectada, pero manifestou a súa intención de ofrecer outras solucións como bonificacións fiscais, créditos brandos ou axudas para facer a repoda
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, desprazouse esta tarde ata os concellos ourensáns de Monterrei e Oímbra para coñecer de primeira man os danos ocasionados nas vides das principais denominacións de orixe como consecuencia das fortes xeadas acontecidas a semana pasada.
Acompañada por representantes das catro denominacións afectadas (Monterrei, Valdeorras, Ribeiro e Ribeira Sacra), viticultores e adegueiros, a conselleira percorreu diversas explotacións vinícolas e interesouse polas demandas dos alí presentes para coñecer as distintas sensibilidades ao respecto do acontecido. Así mesmo, asegurou que o seu departamento está a buscar solucións, pero avanzou que non é posible artellar unha axuda directa por quilo de uva afectada. Porén, manifestou a súa intención de ofrecer outras solucións como bonificacións fiscais, créditos brandos ou axudas para facer a repoda e que non supoña un custo engadido a estes profesionais.
Tras os primeiros informes, a conselleira explicou que a DO Monterrei foi a mais afectada polas inclemencias do tempo. Así, relatou que as xeadas afectaron ao 90% do territorio cunha afección do 90% sobre as vides. Aínda está pendente cuantificar a importancia deses danos, pois uns son de carácter grave (afectaron ao acio, ao gromo e á base da planta) e outros de menos relevancia. Respecto á DO Valdeorras, a conselleira sinalou que afectou ao 60-70% do seu territorio, pero aclarou que hai zonas que teñen afectadas o 20% da produción e outras o 90%; mentres que nas DO Ribeiro e Ribeira Sacra as zonas afectadas representan un 30 e 20%, respectivamente.
Seguros agrarios
A conselleira lembrou tamén que a actividade agrícola en xeral e a viticultura en particular sempre están expostas ás inclemencias do tempo, que poden incidir negativamente, como neste caso, nunha diminución da produción. Por iso, Ángeles Vazquez reiterou a importancia de contratar seguros agrarios para poder facer fronte a este tipo de situacións. Neste senso, a Consellería está a preparar a orde de convocatoria de seguros agrarios para o ano 2017 cunha dotación económica de 4,6 millóns de euros, practicamente igual á da convocatoria pasada.