A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, inaugurou a XVIII Feira do Viño de Valdeorras

A Produción da denominación de orixe Valdeorras obtivo no 2014 un valor económico de preto de 18 millóns de euros.

Esta cifra correspóndese con máis de 3,3 millóns de litros de viño cualificado na última vendima.

O executivo galego investiu no último ano 2,2 millóns de euros en axudas para a promoción de produtos de calidade diferenciada e 5,5 millóns para a internacionalización dos viños galegos.

Na vendima de 2014 a denominación de orixe vitivinícola Valdeorras, produciu máis de 3,3 millóns de litros de viño cualificado, cun valor económico estimado de preto de 18 millóns de euros. Así o destacou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, durante a inauguración da XVIII Feira do Viño de Valdeorras, no Barco de Valdeorras, onde estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

A conselleira sinalou que son cifras “das que presumir”, pero incidiu en que “do que verdadeiramente debemos sentirnos orgullosos é das persoas que seguen traballando nesta terra, nesta comarca para, día a día, vixiar as viñas, evitar as súas enfermidades e coidalas”. A Denominación de Orixe Valdeorras conta na actualidade cun total de 1470 viticultores e máis de 40 industrias traballando nos concellos do Barco, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras. Durante os últimos anos, a exportación dos produtos desta D.O. aumentaron máis dun 67%.

Rosa Quintana tamén destacou o apoio da Xunta á promoción dos produtos galegos de calidade diferenciada no mercado europeo. Así, dixo que as axudas aprobadas o pasado mes de maio con este fin terán un importe de 2,2 millóns de euros. Do mesmo modo, lembrou que a cifra destinada á promoción, funcionamento e control das denominacións de orixe ascende a 12 millóns na última década. En palabras da titular de Medio Rural e Mar, a internacionalización “é un obxectivo que compartimos os viticultores e a Xunta de Galicia”, e patentouse nunha inversión de 5,5 millóns de euros durante este último exercicio.

Cara ao final do seu relatorio, a conselleira felicitou á adega Quinta da Peza, galardoada recentemente na cata dos viños de Galicia polo mellor tinto. Tamén tivo palabras de agradecemento para as adegas Hacienda Ucediños, Godeval e A Coroa recibiron nese mesmo certame o Acio de Ouro, Prata e Bronce, respectivamente.

A Feira do Viño de Valdeorras

Na súa décimo oitava edición, este evento organizado polo Consello Regulador da DO Valdeorras reúne na capital da zona, O Barco de Valdeorras, a produtores de Godello e Mencía característicos do nordeste ourensán. Ao longo da fin de semana organizaranse diferentes actividades en torno aos produtos vinícolas, como o Festival Valdeorrock.