Medio Rural e Mar organiza unha xornada sobre o uso de distintas madeiras na crianza do viño

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, organiza a xornada Os viños de Garda. A utilización de diferentes madeiras para a súa crianza, que ten como obxectivo que os participantes adquiran coñecementos para a elaboración de viños con estadía en madeira.

A xornada, que se celebrará na Casa de Cultura de Ribadavia, conta coa colaboración do Consello Regulador Denominación de Orixe Ribeiro e do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL). Está dirixida ao público interesado e especialmente a viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores, persoal investigador interesado no tema e estudantes.

No programa desta iniciativa abordaranse aspectos coma a potencialidade das castes galegas na crianza do viño, as diferentes variedades de madeira que cómpre utilizar para o seu proceso de envellecemento e as alternativas ao uso da barrica, entre outros. Ademais haberá unha mesa redonda con todos os relatores, pertencentes á EVEGA, ao Centro de Investigación y Desarrollo Agrario de La Rioja, ao Centro de Transferencia Agroalimentaria do Goberno de Aragón e ao departamento de Enxeñería Forestal da Universidade de Santiago de Compostela.

Esta acción está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural  (FEADER) e con ela búscase abrir novos camiños para fomentar que as adegas comercialicen e elaboren de este tipo de viños facendo especial mención ao tipo de vinificación e madeira a empregar. Tamén para dar a coñecer os produtos alternativos á barrica de madeira e as variedades galegas máis axeitadas para facer viños de crianza en madeira.