Visita do presidente da Xunta de Galicia á Evega

  • Garante o compromiso de seguir apostando pola calidade dos produtos galegos: a través da marca Galicia Calidade; potenciando as denominacións xeográficas de calidade; e a través doutras figuras de protección da calidade, como os produtos da artesanía alimentaria, a agricultura ecolóxica ou a produción integrada.
  • Lembra que un dos sectores que ten un claro compromiso coa calidade é o vitivinícola; un sector que cada vez produce máis viño e mellor valorado; que facturou máis de 200 millóns no 2015; e que cada vez vende máis ao exterior.
  • Refírese á investigación e á formación como as principais pancas do crecemento sustentable en todos os sectores económicos.

Leiro (Ourense), 20 de maio de 2016.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considerou hoxe que a Axencia Galega de Calidade Alimentaria, que concentrará as actividades de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico no eido agroalimentario, sirva para potenciar a protección da calidade dos produtos da Comunidade.

Durante unha visita ás instalacións da Evega, Feijóo expresou o seu convencemento de que con esta iniciativa se racionalizará a estrutura. E garantiu o compromiso de seguir apostando pola calidade dos produtos galegos: a través da marca Galicia Calidade, “unha marca consolidada e que hai que seguir coidando”; potenciando as denominacións xeográficas de calidade, como as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas; e a través tamén doutras figuras de protección da calidade, como os produtos da artesanía alimentaria, a agricultura ecolóxica ou a produción integrada.

Nesta liña, lembrou que un dos sectores que ten un claro compromiso coa calidade é o vitivinícola; un sector que cada vez produce máis viño e mellor valorado (un 34,4% máis de produción que hai seis campañas); que facturou máis de 200 millóns de euros no 2015; e que cada vez vende máis ao exterior, cunhas exportacións que se duplicaron fronte á campaña 2008/2009.

Nesta evolución, Feijóo destacou o traballo da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, cuxo labor céntrase en dous piares: a investigación e a formación, as principais pancas do crecemento sustentable en todos os sectores económicos.

Sobre este punto, recordou que a Evega dispón dun Banco de Xermoplasma, que ten a primeira colección de variedades autóctonas de Galicia e a máis completa; ademais de ser o único viveiro seleccionador oficial de Galicia, é dicir, selecciona clons das variedades autóctonas para que os viveiros produtores poidan subministrar plantas certificadas aos viticultores que as precisen.

E, en relación á formación, Feijóo destacou que na páxina web da Evega se pode atopar vídeos formativos, relatorios de xornadas técnicas e cursos de formación. Así mesmo recordou que hai unhas semanas ampliouse este labor formativo coa publicación na rede do primeiro monográfico da Evega, dedicado á variedade godello.

O titular da Xunta concluíu poñendo o traballo da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia á disposición de toda as adegas e denominacións de orixe de Galicia.