A XUNTA DE GALICIA DA LUZ VERDE AO NACEMENTO DA AGACAL

A AXENCIA GALEGA DA CALIDADE ALIMENTARIA MELLORARÁ A APLICACIÓN DO I+D+i AO AGRO E A PROMOCIÓN DOS SEUS PRODUTOS

  • O Consello do Goberno galego aprobou o xoves día 5 o decreto polo que se crea a Agacal, ente que integra o antigo Ingacal e outros departamentos da Consellería do Medio Rural e que manexará un orzamento próximo aos 30 millóns de euros.
  • Será o instrumento básico de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade, así como de potenciación da calidade da produción alimentaria galega.
  • Agrúpanse todas as competencias relacionadas coa aplicación do I+D+i ao agro, así como as relativas á formación, de maneira que todos os centros formativos de Medio Rural dependerán directamente da nova axencia.

O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), tras o ditame positivo do Consello Consultivo de Galicia. Con este paso, a norma remata a súa tramitación, o que permitirá a súa constitución formal coa celebración da sesión constitutiva do seu consello reitor, que terá lugar nun prazo de tres meses.

A Agacal será o instrumento básico de actuación da Xunta en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade, así como de potenciación da calidade da produción alimentaria galega, concentrando as actividades investigadoras e de desenvolvemento tecnolóxico no eido alimentario.

Agrúpanse así, nunha única axencia, todas as competencias relacionadas coa aplicación do I+D+i ao agro, así como as relativas á formación, de maneira que todos os centros formativos da Consellería do Medio Rural dependerán directamente da Agacal, que estará presidida pola conselleira e contará cun director, con rango de
director xeral.

Estrutura e centros 
A Axencia estruturarase en diferentes departamentos: Innovación Tecnolóxica, Promoción da Calidade Agroalimentaria e Formación. Deste último, dependerán os centros de formación e experimentación do Medio Rural (Pedro Murias, Guísamo, Lourizán, Monforte, Sergude e Becerreá). Así mesmo,coordinará os centros de investigación, caso dos de Mabegondo, a Estación deViticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) ou o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia, entre outros.

A creación desta entidade suporá a desaparición do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal). Pola súa banda, a Agacal manexará arredor de 30 millóns de euros, que son os previstos nas contas do propio Ingacal, da Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal e do Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria, que se integrarán no novo ente.

A reorganización e mellora do funcionamento desta axencia redundará nunha mellor protección e promoción da calidade dos produtos alimentarios galegos, co conseguinte beneficio para todos os axentes da cadea de valor destas producións, desde o agricultor-gandeiro ata o consumidor final. Ademais, fomentarase dun xeito máis eficiente todo o relativo á aplicación da I+D+i no eido alimentario e agroforestal, o que beneficiará non só os produtores e industrias vinculados con estas actividades, senón tamén a poboación en xeral, xa que incidirá positivamente na calidade dos alimentos consumidos.