Historia

Instalacións Instalacións 

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia foi inaugurada o 5 de novembro de 1985 polo conselleiro de Agricultura, Pesca e Alimentación o Excmo. Sr. Fernando Garrido Valenzuela, sendo presidente da Xunta de Galicia o Excmo. Sr. Xerardo Fernández Albor coa finalidade de dar un impulso ao sector vitivinícola galego.

O primeiro director e impulsor deste centro foi D. José Antonio Yglesias Prieto a quen se debe a súa configuración inicial baseada na investigación aplicada en novos sistemas de produción de uva e viño; o asesoramento especializado e personalizado a viticultores e adegueiros; a formación a través de actividades a todos os niveis para os diferentes axentes do sector e a divulgación dos resultados obtidos nas investigacións.

Un dos logros máis importantes durante a súa dirección foi a procura das castes de vide case que desaparecidas e o inicio do Banco de Xermoplasma, unha das xoias que existen hoxe en día na EVEGA. Ademais impulsou o Plan de Calidade dos Viños Galegos, publicado pola Xunta de Galicia no ano 1986, alicerce da investigación e o desenvolvemento da nova viticultura e enoloxía en Galicia.

José Antonio Yglesias cedeulle, no ano 1988, a dirección da EVEGA a D. José Luis Hernáez Mañas quen, ao longo dun período moi amplo de dirección, dotou ao centro de modernos equipos de análise de viños e de persoal investigador.

Hernáez Mañas traballou en abrir o Centro a todos os viticultores e elaboradores de viño. A organización de relatorios e cursos así como o asesoramento aos profesionais do sector foron facetas nas que estivo moi implicada a EVEGA. Ademais puxo o laboratorio a disposición dos Consellos Reguladores de Galicia para a análise dos viños e derivados.

En xullo de 1997, foi inaugurada a Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía (EEVE) no concello de Ribadumia, como subestación dependente da EVEGA.

Pero quizás o logro máis importante durante a súa dirección foi o inicio da selección clonal e sanitaria de variedades de vide autóctonas que permitiu a obtención de 36 clons de Treixadura, Torrontés, Loureira, Godello, Dona Branca e Mencía.

No ano 2003 D. Ignacio Orriols Fernández tomou o relevo seguindo coas mesmas directrices pero potenciando o seu papel investigador. Froito desta aposta incorporáronse ao centro persoal que abordou proxectos en distintas áreas. Así mesmo contribuíu á modernización das infraestruturas e equipamento coa adquisición das últimas tecnoloxías tanto en viticultura, enoloxía coma no laboratorio.

Durante a súa dirección a EVEGA ampliou os estudos da caracterización das distintas variedades de vide autóctonas e a optimización de sistemas de cultivo. Asemade desenvolveu o estudo de técnicas de elaboración e caracterización de viños e augardentes de Galicia e iniciou o proceso de acreditación do laboratorio.

Dende outubro de 2013 dirixe a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia D. Juan Manuel Casares Gándara quen, ademais de potenciar as liñas deseñadas polos seus predecesores, impulsa a Transferencia tecnolóxica e a formación a través da organización dun amplo abano de xornadas técnicas, cursos e talleres. Consolida a imaxe da EVEGA coma centro do sector coa posta en valor da súa actividade investigadora, de asesoramento e de colaboración cos distintos axentes relacionados co mundo do viño en Galicia.

Baixo a súa dirección, o 25 de xullo de 2014, a ENAC outorgou a acreditación ao laboratorio do centro segundo a norma UNE-EN-ISO/IEC 17025 para os parámetros clásicos do viño.